domingo, mayo 19, 2024
InicioNewsComarcasUn xogo de escapismo dará a coñecer a arribada da Carabela Pinta...

Un xogo de escapismo dará a coñecer a arribada da Carabela Pinta a Baiona

Baiona e a súa historia serán o punto de partida dunha aventura única, ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se realizarán 14 xogos de escapismo temáticos e ao aire libre nos concellos do territorio. Unha inmersión fascinante na riqueza cultural e histórica de cada un dos municipios aberto a todos os públicos e totalmente de balde coa que coñecer os segredos e explorar os máis variados recunchos dos 14 concellos.

‘Eureka Reto Rural’ comezará a súa travesía este domingo 12 de maio en Baiona, onde as persoas participantes poderán mergullarse na emocionante historia da arribada da Carabela Pinta. A través dun percorrido polas rúas do seu porto e polo centro histórico, as e os xogadores serán transportados ao 1 de marzo de 1493, data na que a vila se converteu no primeiro porto da Europa continental en coñecer a noticia do descubrimento de América. Prazas, monumentos e puntos emblemáticos do concello servirán como escenario para descubrir a repercusión deste feito histórico. 

As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro no Paseo da Ribeira ás 11.30 horas. As probas e xogos realizaranse nunha ruta circular con dificultade moderada segundo a distancia a camiñar e accesible para persoas con mobilidade reducida. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES