domingo, mayo 19, 2024
InicioNewsActualidadeOs Maios vestirán O Porriño esta fin de semana

Os Maios vestirán O Porriño esta fin de semana

Os grupos de música tradicional das asociacións culturais e veciñais amenizarán a festa o sábado pola tarde

O Porriño dá a benvida á primavera coa popular Festa dos Maios esta fin de semana. A praza do Arquitecto Antonio Palacios e a parte peonil da rúa Ramón González engalanaranse coas formacións florais desde o venres ata o domingo e serán o escenario de actuacións musicais e de danza o vindeiro sábado.

Un total de 22 maios serán instalados durante a mañá do venres, feitos por diversas entidades sociais, culturais e educativas do municipio, como xa é tradicional.


O sábado pola tarde, a partir das 18:30 horas comezarán as actuacións de diversos grupos
folclóricos das asociacións culturais e veciñais do Porriño: o Grupo de Gaitas da Asociación de Veciños de San Salvador de Torneiros, Grupo de Gaitas Asociación Cultural San Xurxo de
Mosende, o Grupo de Gaitas e o Grupo de Baile da Asociación Cultural Os Penediños de Atios, o grupo de acordeóns Acordecans, o Grupo de Gaitas Nordesía e o Grupo de Cantareiras Vaiche Boa de Pontellas.


A festividade dos Maios, de exaltación da natureza ao comezo da primavera, ten a súa orixe nas civilizacións prerromanas e as estructuras adornadas con flores, follas e froitos están tradicionalmente inspiradas en figuras de árbores. Hoxe en día é xa habitual que integren formas máis variadas ou algún compoñente máis actual e personalizado.

O Concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez, confía en que “os maios feitos polos veciños nos traian unha tregua coa choiva e podamos festexar a entrada da primavera co colorido, arume, música e danza típicos desta festa”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES