jueves, noviembre 7, 2024
InicioNewsActualidadeO Pleno de Mos aproba o cambio a uso docente da parcela...

O Pleno de Mos aproba o cambio a uso docente da parcela do Rebullón destinada a Escola Infantil

Inícianse así os trámites necesarios para o proxecto, licitación e construción do novo centro

O Pleno do Concello de Mos aprobou hoxe por maioría o expediente de cambio de uso
dotacional no equipamento da parcela destinada a Escola Infantil no Rebullón, necesario para poder levar a cabo todos os trámites necesarios para o novo centro, tanto a redacción do proxecto, como o procedemento de licitación da obra, e posterior execución da mesma. A aprobación do cambio de uso contou cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e PSOE, e a abstención do BNG.


Con esta aprobación acórdase cambiar o uso de equipamento sociosanitario da parcela incluída dentro do recinto do antigo hospital de Rebullón, no concello de Mos (parroquia de Tameiga) que está dentro da referencia catastral 36033A036000850001DS (parcela 95 do polígono 36), e cunha superficie de 4.970 m2, a un uso docente.


O acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia e comunicado á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a efectos da súa inclusión no Rexistro de Planeamento de Galicia.


A administración local mosense vén de iniciar o expediente de contratación do proxecto da nova Escola Infantil do Macro Proxecto Sociosanitario do Rebullón que ademáis do centro educativo inclúe Centro de Saúde, Centro de Coidados Intermedios, e Residencia de Maiores.


Unha vez realizado o proxecto, prevese que as obras se inicien este vindeiro verán. Tal e como anunciou estes últimos días Nidia Arévalo, rexedora local mosense.


A alcaldesa apuntou tamén que a nova Escola Infantil do Rebullón, estará dotada de 82 prazas. Tratarase dun edificio modular cun orzamento total que ascende a 1.250.000 euros, para o cal o Concello de Mos xa conta con apoio económico de financiación por parte da Xunta de Galicia de 707.198,70 euros a través de convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Política Social e a administración local.


Este macroproxecto sociosanitario será pioneiro en España ao incluír Escola Infantil. Para o recinto do Rebullón tamén está prevista unha residencia de maiores de 150 plazas, un novo Centro de Saúde que sustituirá ao actual e que incrementará nun 44% a súa superficie, e un Centro de Coidados Intermedios de 60 prazas.


A este respecto Nidia Arévalo declaraba que “co proxecto do Centro de Coidados Intermedios en licitación pola Xunta de Galicia, e o inicio do expediente de contratación do proxecto da Escola Infantil por parte do Concello, damos o ‘pistoletazo de saída’ para o novo Rebullón. A partir deste verán comezaremos a transformalo nun centro sociosanitario de referencia no país”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS