jueves, septiembre 21, 2023
Google search engine
InicioComarcasLouriñaO CEIP Xosé Fernández López, en Porriño, arrancará o curso con comedor...

O CEIP Xosé Fernández López, en Porriño, arrancará o curso con comedor escolar

- O servizo, que cubrirá toda a demanda servindo 175 menús diarios, estará en marcha dende setembro dando resposta a unha demanda histórica das familias que, xunto coa aula madruga, terán agora máis facilidades para conciliar

Anunciárase fai uns meses e xa é unha realidade. O CEIP Xosé Fernández López ofrecerá neste curso que está a piques de comezar o servizo de comedor escolar. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, fixo unha visita ás obras que se están a levar a cabo no centro, agora durante o verán, para deixar todo a punto nun par de semanas cando o alumnado volva ás aulas.

O comedor sitúase na edificación que albergaba a vivenda do conserxe e estancias contiguas, que foron acondicionadas para tal fin. Os traballos consistiron na demolición de todos os tabiques que dividían as diferentes salas habilitando dous grandes espazos, un deles o comedor, con capacidade para 96 comensais, e outro destinado a biblioteca. Colocouse novo falso teito, novo pavimento e nova carpintería interior e modificáronse as instalacións de electricidade e datos, para adaptalas á nova distribución. Todo elo para dar resposta a unha das principais demandas deste colexio, o único público do casco urbano e que conta con preto de 400 escolares repartidos nos tres cursos de educación infantil e os seis de primaria.

Dende o Concello destacan “a absoluta e total predisposición da Anpa A Oliveira colaborando en todo momento e a quen agradecemos o seu labor”, subliña o alcalde á vez que explica que serán ambas entidades as que se encarguen da xestión do servizo durante este primeiro trimestre de curso, ata que, previsiblemente no mes de xaneiro, se saque a licitación e o custo sexa xa asumido de maneira íntegra pola Xunta de Galicia.

“Era unha necesidade imperiosa que viñan demandado as familias dende hai moitos anos. Unha medida que, sumada á aula madruga posta en marcha xa o pasado curso, facilitará notablemente a conciliación”, explica Lorenzo.

O alcalde indica que, ao igual que actuacións como esta, se están a levar e se levarán a cabo en todos os centros educativos do Porriño, atendendo sempre as súas demandas. “Así, actualmente estanse realizando traballos de posta a punto dos diferentes colexios, escolas infantís e centro de día que en breve iniciarán novo curso e, a maiores, seguiremos poñendo en marcha diversas actuacións de melloras incluídas xa algunhas delas no novo orzamento, pendente unicamente da súa ratificación en pleno, o cal está previsto se celebre nas vindeiras semanas”.

Nesta actuación no CEIP Xosé Fernández López incluíuse tamén a retirada dun depósito de combustible que se situaba próximo a onde está agora o comedor, trasladándoo a outra zona máis segura, e a substitución do valado na zona traseira do recinto, xa que o anterior se atopaba en moi mal estado e supoñía un risco para o alumnado. A maiores tamén se levou a cabo a reparación da cuberta do pavillón deportivo, que presentaba problemas de illamento e xa está proxectada a creación dunha zona verde de xogo infantil. Melloras ás que hai que sumar, neste pasado curso, a instalación dunha pista multideporte, o acondicionamento do patio cuberto e a mellora dos vestiarios do ximnasio. O que supón unha inversión total de máis de 100.000 euros.

ARTIGOS RELACIONADOS
- Advertisment -
Google search engine

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES