jueves, noviembre 7, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTomiño habilita no Seixo unha nova zona para autocaravanas

Tomiño habilita no Seixo unha nova zona para autocaravanas

- A área de autocaravanas de Goián mantén unha alta ocupación e colleita excelentes reseñas dos seus usuarios

O Concello de Tomiño dá un novo paso no turismo de autocaravana e inicia as obras da nova área no Seixo, tralo éxito da de Goián. Esta nova zona de autocaravanas situarase no aparcadoiro fronte ao edificio da Policía Local e de Benestar Social, na Rocha.

O inicio da obra é inmediato e ten unha duración prevista dun mes. A empresa que levará a cabo o acondicionamento, Zona de Obras, prevé que estará rematado e en pleno funcionamento o próximo 1 de outubro. Esta nova área de aparcamento de autocaravanas no Seixo terá 6 prazas e os mesmos servizos que a de Goián: baleirado de augas grises e fecais, abastecemento de auga e iluminación, axardinamento e arborado de perímetro. A actuación para a habilitación desta área conta cun orzamento de 40.000 euros e está financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

En palabras da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “o turismo de autocaravana é un modelo xa consolidado que facilita a chegada de visitantes a Tomiño, como podemos ver dende que inauguramos a área de Goián, que está a ter unha grande acollida. Coas dúas áreas en activo seguiremos impulsando un turismo de calidade e que lle permite aos nosos visitantes ter a posibilidade de contemplar e deleitarse cos demais atractivos do noso municipio”. González alientou, ademais, que este turismo é “un activo para a nosa economía local e sitúa o concello de Tomiño como un destino coñecido e relevante nas rutas dos autocaravanistas”.

A área de autocaravanas de Goián leva todo o verán mantendo unha alta ocupación e colleita excelentes reseñas entre os seus usuarios, que salientan a seguridade da zona, o fácil acceso e a boa localización, próxima a todos os servizos necesarios para a estadía na zona. Tras dous meses en funcionamento, esta área xa se converteu en toda unha referencia para as e os autocaravanistas que visitan o sur de Galicia. Trátase dunha zona de aparcadoiro situada na Avenida Pío Troncoso, preto da Escola de Música, con 8 prazas sinalizadas e que conta con todos os servizos necesarios. Inaugurouse o pasado 18 de xuño cun encontro promovido pola Asociación Galega de Autocaravanas que xuntou a arredor de 200 persoas.

Co acondicionamento destas dúas áreas de aparcamento de autocaravanas, o Concello de Tomiño procura a diversificación o turismo que se achega ao municipio, facilitando a chegada de máis visitantes que veñan a gozar de Tomiño e da súa contorna, e contribuíndo así á dinamización da economía local.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS