lunes, abril 29, 2024
InicioNewsO BNG de Gondomar denuncia a situación deficiente da atención primaria na...

O BNG de Gondomar denuncia a situación deficiente da atención primaria na localidade durante o verán

- A falta de persoal facultativo xa provocou o peche do centro de saúde en horario de tarde durante toda a primeira quincena deste mes de agosto

O BNG de Gondomar denuncia as dificultades que durante este verán se están a producir na atención primaria na localidade. A falta de persoal facultativo e sanitario -de medicina de familia, matrona, pediatría ou enfermaría-, por baixas ou vacacións xa provocou o peche do centro de saúde en horario de tarde durante toda a primeira quincena deste mes de agosto, e está a provocar que o peche de axendas de varias consultas impida obter citas antes de setembro, como mínimo.

Así prodúcense deficiencias e atrasos na atención, xa que ou o resto dos profesionais vense na obriga de asumir as consultas dos que faltan, incrementando o seu volume de traballo, ou simplemente non hai atención sanitaria durante ese período. Isto provoca a necesidade de realizar axustes nas axendas, cos conseguintes trastornos para os pacientes que mesmo se ven obrigados a acudir ao centro de saúde en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día. Iso ocorre, por exemplo, con persoas en tratamento con Sintrom ou coas familias que se ven obrigadas a se desprazar ao PAC da Xunqueira para recibir atención pediátrica para as súas crianzas.

A reiteradamente denunciada política de recortes sanitarios do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) súmase á decisión de non cubrir ás baixas prolongadas nin as xubilacións. Esta situación agrávase pola non substitución das vacacións nos meses de verán cando a poboación do concello de Gondomar se ve incrementada, o que impide prestar un servizo de atención primaria que ofreza uns servizos en condicións óptimas.

Unha situación que prexudica gravemente a atención sanitaria no Centro de Saúde de Gondomar, provoca enormes dificultades na atención primaria da poboación e acaba traducíndose nunha maior saturación dos servizos de Urxencias, nun aumento da derivación de doentes á sanidade privada e un aumento exponencial das listas de espera.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES