lunes, mayo 20, 2024
InicioNewsA terraO Parlamento galego aproba a Lei do litoral

O Parlamento galego aproba a Lei do litoral

- A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, define esta lei como transcendental porque protexe e garante o futuro de Galicia, ademais de supor a xestión desde a Comunidade desta materia e seguridade xurídica para o noso litoral

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, valorou hoxe a aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia por parte do Parlamento para garantir o equilibrio entre a biodiversidade e a actividade humana.


Durante a súa intervención no debate parlamentario desta nova norma autonómica, a
vicepresidenta segunda recalcou que a costa cumpre un papel moi importante nos
equilibrios naturais que condicionan a vida humana así como unha función social e
económica, polo que ocupa unha posición estratéxica no desenvolvemento da nosa
economía. A vicepresidenta segunda definiu esta lei como “transcendental” porque protexe
e garante o futuro de Galicia, ademais de supor a xestión desde a Comunidade desta
materia e seguridade xurídica para o noso litoral.


A maiores, segundo explicou a conselleira, a Lei do litoral aprobada hoxe inclúe nun só
texto todas as políticas, sectores e instancias administrativas que teñen relación co litoral
coa creación de órganos de participación, colaboración e intercambio.


De feito, tal e como insistiu Ángeles Vázquez, trátase dunha lei moi participada e
consensuada. Así, desde o inicio da súa elaboración, o Goberno galego mantivo contactos
cos concellos costeiros e con todos aqueles colectivos, asociacións, entidades,
organizacións vinculados á costa, como, por exemplo, a cadea mar-industria e o
Observatorio do Litoral, con cuxas aportacións e achegas se foi enriquecendo unha norma
clave para a Comunidade. E, ademais, durante o trámite parlamentario incorporáronse ao
texto definitivo preto do 40% das emendas presentadas. Nesa liña, a conselleira tamén
agradeceu as achegas de diferentes departamentos autonómicos que a converten nunha
lei “totalmente transversal”.


Para concluír, a vicepresidenta subliñou que a Lei do litoral permitirá consolidar o futuro da
costa galega, dos seus valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e económicos ao
mesmo tempo que se outorga seguridade xurídica ás actividades que se realizan nela e
que supoñen o modo de vida da cidadanía que alí reside. “Esta lei ademais de coidar o
aspecto ambiental dun xeito escrupuloso garante a función social da costa galega”,
aseverou Ángeles Vázquez.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES