domingo, abril 28, 2024
InicioNewsO PaísMobilizacións o próximo luns polos despidos en Ganomagoga

Mobilizacións o próximo luns polos despidos en Ganomagoga

O Grupo Ganomagoga, con centros de traballo en Ponteareas e Mos, presentou ERE extintivos nas distintas empresas esta semana.

O comité de empresa anunciou a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións e de xestións institucionais para intentar salvar os seus empregos.

O presidente do comité de Construcciones Industriales Ganomagoga, Xabier Pérez, da CIG, explica que a empresa comunicou o inicio dos ERE ao resto das empresas do grupo.

O comité decidiu solicitar xuntanzas co Igape e co conselleiro de Industria para trasladarlles a posibilidade de que interveñan para garantir a viabilidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo.

“Despois fixemos asembleas en Ponteareas e en Mos, nas que acordamos convocar unha concentración na Xunta en Vigo para o día 15, que finalmente non imos levar a cabo porque esta mesma tarde recibimos unha citación da Consellaría de Industria para manter unha reunión ese mesmo día ás 9:30 horas en Santiago”, detalla Pérez.

O que si desenvolverán é unha concentración diante do Concello de Ponteareas o luns 13 ás 11:00, que aproveitarán para facer entrega dun manifesto solicitando o apoio dos grupos da corporación municipal. Ademais, para o xoves 16 teñen convocada tamén unha manifestación que sairá dende as instalacións da empresa ás 18:30 horas e que rematará diante do Concello. Paralelamente, solicitaron tamén un encontro con responsábeis da Subdelegación do Goberno en Pontevedra “para tratar de implicar ao máximo de institucións na defensa da empresa máis importante a nivel de emprego de Ponteareas”.

En canto ás débedas salariais que a empresa mantén co cadro de persoal, Pérez explica que a responsábel de recursos humanos confirmoulles que nos vindeiros días abonarán a parte do soldo de febreiro que estaba pendente e as pequenas cantidades que algúns traballadores/as non percibiran aínda por distintos problemas no cálculo das nóminas de xaneiro. Unha vez que estas débedas sexan liquidadas o cadro de persoal deixará saír dous tramos de torres eólicas para a empresa GRI Towers do Carballiño. Este foi outro dos acordos da asemblea de traballadores/as celebrada días atrás: ir pemitindo a saída de tramos a medida que empresa liquidaba as débedas pendentes. Así o fixeron con oito tramos unha vez que percibiron o salario de xaneiro e parte do de febreiro.

Ante esta situación, a formación política Ponteareas en común amosa o seu total apoio aos traballadores e traballadoras de Talleres Ganomagoga e as empresas dependentes do grupo empresarial e entendemos que a industria dedicada ao sector enerxético de renovables debe ser considerado como un sector prioritario.

Polo tanto, o Estado debe manter e aumentar a capacidade de produción de elementos destinados á xeración de enerxía renovable, polo que reclamamos que a través do SEPI ou dos mecanismos que se consideren máis axeitados, fágase cargo do Grupo Ganomagoga e que garanta, de forma inminente, os postos de traballo e a capacidade de produción da empresa. A este respecto EU trasladou ao grupo parlamentario de UP esta situación de cara a acadar unha solución.
O coordinador local de Esquerda Unida Ponteareas e traballador de Talleres Ganomagoga, Lino Costas, reclama que “As institucións deben actuar de forma urxente para garantir todos os postos de traballo e dende a nosa organización imos loitar porque así sexa”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES