martes, mayo 14, 2024
InicioComarcasLouriñaGabri Veiga apadriña a Festa dos Callos do Porriño

Gabri Veiga apadriña a Festa dos Callos do Porriño

O centrocampista do Celta presentou hoxe a 29 edición desta festa gastronómica que se celebrará o vindeiro domingo, 2 de outubro, cando 30 establecementos de hostalería ofrezan por 7 euros ración de callos, cunca de viño e pan do Porriño

Tras un mes completo de actividades, o domingo 2 de outubro, no Recristo como é tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais.
A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa vixésimo novena edición e o fai cun padriño de luxo: o futbolista porriñés Gabri Veiga. O centrocampista do RC Celta de Vigo foi o encargado de presentar hoxe oficialmente o evento, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o presidente da asociación de hostaleiros AHOSPOR, José Manuel Fernández; a presidenta da asociación de comerciantes ACIPOR, Juana Pérez, e concelleiros e concelleiras do goberno local.
Veiga agradeceu a toda a organización, Concello, hostaleiros e comerciantes do Porriño, “que fagan posible esta festa tan nosa e que seguro durará moitos anos máis” e animou a todo o mundo a “participar e degustar os callos este domingo no Porriño”.

Cartel Festa dos Callos
Pola súa banda, o presidente de AHOSPOR, explicou que este ano “serán 30 os locais que participarán na festa ofrecendo racións de callos para todos os gustos, cada local ten a súa maneira de preparalos e haberá unha gran variedade de propostas”.
No mesmo sentido se manifestou a presidenta de ACIPOR, que destacou que “hai tantas propostas como locais” polo que animou “a todo o mundo a probalas para decidir cal é a súa favorita”.
O prezo da ración será de 7 euros e incluirá a tradicional cunca desta edición e pan do Porriño.
Antes de dar comezo a degustación que se ofreceu na praza e na que participaron moitos veciños e veciñas que se achegaron ao Concello e nenos e nenas do CEIP Antonio Palacios que acudiron á presentación, o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha festa “que ademais de ser unha tradición para todos nós supón un verdadeiro revulsivo para a economía local, atraendo a miles de persoas ás rúas do noso pobo”. Lorenzo destacou que “os callos son un prato de gran arraigo no Porriño e hai tantas formas de cociñalos como fogares hai na vila. Neste sentido temos a honra de ser pioneiros na posta en valor deste prato e fomos os primeiros en celebrar unha festa na súa honra”.
O rexedor concluíu convidando a “toda a veciñanza do Porriño e da contorna a ateigar as rúas do Porriño o vindeiro domingo e degustar o manxar que a hostalería porriñesa propón para nós”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES