Mos dará un novo paso para desenvolver o polígono industrial de Cebral, en Petelos, cunha superficie total de 151.425 metros cadrados. A alcaldesa, Nidia Arévalo, avanzou os próximos trámites durante unha visita ás instalacións de Noribérica, entre eles a aprobación inicial do proxecto de expropiación, que será levado á Xunta de Goberno Local.
O ámbito conta cunha ordenación detallada incorporada ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), polo que xa están definidas as condicións urbanísticas para o seu desenvolvemento. O sistema previsto é o de compensación, un modelo no que os propietarios que participan na actuación se agrupan nunha Xunta de Compensación para organizar e impulsar a transformación dos terreos.
Esta entidade permite aos propietarios actuar conxuntamente no desenvolvemento do polígono e asumir a tramitación dos instrumentos necesarios. Entre eles están o proxecto de reparcelación, que reorganizará as fincas existentes para crear as novas parcelas resultantes, e o proxecto de urbanización, que definirá as infraestruturas e os servizos necesarios para que poidan acoller actividade industrial.
Deste xeito, para completar o desenvolvemento da totalidade do ámbito, o Concello de Mos aprobará en Xunta de Goberno local o proxecto de expropiación dos terreos cuxos propietarios non se incorporaron á Xunta de Compensación e que afecta aproximadamente ao 30 % da superficie total, uns 45.400 metros cadrados.
Unha vez completados os diferentes trámites e actuacións, Cebral poderá dispoñer de novas parcelas industriais preparadas para a implantación de empresas así como para a ampliación das existentes precisen máis solo industrial. A previsión é que o polígono poida estar a disposición empresarial nun prazo aproximado de 15 meses.
O desenvolvemento contempla tamén a participación municipal no 10 % do aproveitamento edificatorio, que pasará a ser de titularidade do Concello. A intención do Goberno local é destinar este patrimonio a ofrecer espazos para actividades empresariais mediante alugueiros cun canon reducido, facilitando o acceso a instalacións a empresas e emprendedores que queiran iniciar ou ampliar a súa actividade en Mos.
O desenvolvemento de Cebral contempla tamén a cesión dunha parcela de 3.000 m² de reserva para equipamentos municipais, 15.000 m² de zonas verdes e espazos libres e 265 m² de aparcamentos públicos.

