viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaEstudantes de ESO expoñen os seus proxectos cos que transformar Porriño

Estudantes de ESO expoñen os seus proxectos cos que transformar Porriño

O centro cultural acolle ata o 30 de xuño unha mostra cos traballos arquitectónicos do alumnado do IES Ribeira do Louro.

A mostra foi inaugurada este martes nun acto que contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez; a profesora de Debuxo técnico e artístico do IES Ribeira do Louro, María José Iglesias, e dos autores das obras.
Baixo a premisa de imaxinar un Porriño diferente, os mozos e mozas de primeiro a cuarto da ESO deseñaron, ao longo deste curso nas materias de Debuxo técnico e artístico, proxectos arquitectónicos cos que transformar a contorna na que viven.
“O obxectivo era que aprendesen a proxectar doutra maneira e a ver O Porriño dunha forma diferente, máis moderna, actual, con máis luz…”, explicou a mestra. “Hoxe vemos aquí o resultado. Traballar duro pero traballar ben sempre é satisfactorio”.
O concelleiro de Cultura felicitounos “por ter unhas ideas brillantes e a capacidade de plasmalas para deixar a súa pegada”. Unhas ideas que van dende aparcadoiros, parques, museos ou miradoiros que adaptarían O Porriño á visión da xuventude.
“É moi importante que as novas xeracións nos marquen o camiño a seguir coa súa creatividade e ilusións, coa súa maneira de ver o seu pobo e deseñar o seu futuro”, afirmou o alcalde. “Coa súa ilusión ilusiónannos a todos”.
A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (3º andar) ata o día 30 de xuño

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES