jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaMalvela presenta o seu último disco o Día das Letras Galegas

Malvela presenta o seu último disco o Día das Letras Galegas

O Benquerer, gravado en Mos, sae á luz o 17 de maio no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso

O primeiro concerto do novo disco de Malvela, o Benquerer, celebrarase como en Mos conmemoración do Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Florencio Delgado Gurriarán, e está enmarcado no Xacobeo 21-22.
Deste xeito o grupo, ademais de gravar o disco na súa localidade de orixe, lanza o traballo tamén nela. Farao no Centro Dotacional de Torroso o vindeiro 17 de maio ás 19.00 horas con entrada de balde ata completar aforamento.
O emblemático grupo mosense, Malvela, que conta coa cantante Uxía como a súa principal valedora, será o protagonista das Letras en Mos con este concerto presentación, con motivo do lanzamento do seu novo disco, ‘O Benquerer’.
A gravación deste novo traballo foi realizada en dúas xornadas, os pasados 27 e 28 de decembro, tamén nas instalacións do Centro Dotacional de Torroso, que alberga a Escola Municipal e Conservatorio Profesional de Música de Mos.
Ademais de presentar novo disco, as mosenses lucirán novo vestiario, con novos deseños e confección.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo desexarlle ao grupo “todo o mellor nesta nova andadura musical” e felicitounas pola súa extensa e exitosa carreira e por ser “auténticos exemplos de mulleres rurais empoderadas, artistas e profesionais dun sector, o musical, aínda con predominancia masculina”.
E asegurou a rexedora local mosense que “é unha honra e un verdadeiro orgullo poder telas connosco en Mos para conmemorar as Letras Galegas por todo o alto, sendo testemuñas do nacemento dun novo disco, O Benquerer, que de seguro será aclamado polos amantes da nosa música tradicional”. É por elo que lles agradeceu enormemente que estean presentes nesta vindeira cita musical conmemorativa do Día das Letras.
O grupo musical Malvela é un dos principais emblemas culturais do Concello de Mos, promotor da tradición galega e mosense, e da identidade cultural e musical senlleira. Por elo este concerto é ideal para celebrar o Día das Letras Galegas en Mos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES