O seguinte paso será a licenza de nova construción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos vén de aprobar a licenza de demolición de naves industriais no Polígono do Rebullón concedida á Mancomunidade de Propietarios Portela.
Deste xeito a Mancomunidade pode proceder á demolición das naves afectadas polo incendio do pasado 27 de marzo e tramitar a continuación a licenza para a nova construción das mesmas.
O desgraciado suceso acaecido no Polígono do Rebullón ocasionou terribles consecuencias para empresas e traballadores. É por elo que desde a data do lume, Mancomunidade de Propietarios, Asociación de Empresarios de Mos, Concello de Mos e Xunta de Galicia traballan da man para apoiar e axudar aos afectados o máximo posible.
Celébranse periodicamente mesas de traballo neste senso e en breve, xa a semana vindeira, convocarase unha nova reunión. Grazas á mutua colaboración e á suma de sinerxías atopáronse solucións provisionais para as empresas afectadas, no que a emprazamento se refire, para que poidan seguir a traballar e producir mentres as novas naves non se atopan construídas de novo.
Deste xeito Concello de Mos e Aemos reiteran novamente todo o seu apoio e man tendida ás seis empresas afectadas polo incendio no polígono do Rebullón, e están a traballar axilizando ao máximo os trámites para que poidan recuperar canto antes a normalidade.
Grazas ao alto esforzo de coordinación e xestión conxunta logrouse a recolocación das empresas para que continuasen coa súa actividade. Agora séguese a traballar duro cooperando todas as partes implicadas para que a solución definitiva para as 6 empresas afectadas chegue canto antes. Vanse dando pasos cara a elo, os primeiros, entre os que se atopa a licenza de demolición, xa están dados, e agora seguirase avanzando ata a consecución da construción das novas naves.
As afectadas son empresas do sector do transporte e a loxística, o comercio e distribución téxtil e de servizos, nas que traballan preto de 200 persoas. É por elo que a implicación desde o punto de vista da axilización administrativa por parte do Concello e da Xunta é total. A Xunta de Galicia comprometeu tamén axudas para as empresas que precisen financiamento cunha bonificación da taxa de interese ou para apoiar investimentos.
É desexo tanto dos empresarios afectados, como de Aemos e administracións local e autonómica, que as empresas poidan retomar o máis rápido posible a normalidade