HomeNewsO PaísFeijóo pide ao Goberno incorporar 64 prazas de médicos de familia ao...

Feijóo pide ao Goberno incorporar 64 prazas de médicos de familia ao MIR deste ano para paliar o déficit de profesionais

O titular do Goberno galego visitou esta mañá o centro de saúde-PAC do Porriño, con motivo da súa ampliación.

 Ante a próxima elección de prazas polos MIR que aprobaron o exame hai unhas semanas, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou este luns no Porriño que a Xunta remitiu o pasado venres unha carta á ministra de Sanidade para que, no proceso de elección, os futuros residentes poidan escoller as 64 prazas de medicina familiar cuxa acreditación foi solicitada pola Administración autonómica en novembro.“Esperamos que o Executivo central non rexeite contar con estas prazas que Galicia está disposta a financiar”, dixo, incidindo en que só así se poderá paliar o problema de falla de profesionais.

Nesta liña, durante unha visita ao centro de saúde-PAC do Porriño, con motivo da súa ampliación, Feijóo recordou tamén que hai só unhas semanas a Xunta anunciou unha pioneira oferta pública de emprego para cubrir 106 prazas vacantes de medicina de familia a través dun concurso de méritos. “E ademais, desde 2019, creáronse 331 novas prazas de distintas categorías”, engadiu.
 

Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu a firme aposta do Goberno galego pola reforma da Atención Primaria, tanto na ampliación de persoal como a nivel de equipamento e infraestruturas. Ao respecto, subliñou que a reforma do centro de Saúde do Porriño, que contará cun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros, permitirá que a mediados de 2023 os veciños conten cunhas instalacións ampliadas, con máis servizos, entre os que destacan: dúas consultas novas de medicina familiar, unha consulta de enfermaría, unha área de fisioterapia e unha nova consulta de pediatría.

O presidente da Xunta concluíu lembrando que o Plan de infraestruturas galegas de Atención Primaria, aprobado a finais de 2021, consta de tres fases e en todas elas se inclúen actuacións na área de Vigo. Así, na fase 0 -obras en tramitacións-, inclúese o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo, no que se investirán preto de 13 millóns, ademais dun novo centro de saúde en Moaña, co proxecto construtivo xa rematado e á esperara da cesión da parcela por parte do concello para licitar a obra, que contará cun investimento de 6 millóns de euros.
 

Na fase 1 -actuacións urxentes- atópase o Centro Integral de Saúde de Cangas e o da Guarda; e na fase 2 -obras estratéxicas que comezarán na segunda metade da lexislatura- inclúese o novo centro de saúde en Mos, o novo centro de saúde de Ponteareas e a ampliación do ambulatorio do Rosal.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS