viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaCans realizará un foco internacional do realizador João Nicolau

Cans realizará un foco internacional do realizador João Nicolau

O festival presentou a imaxe da súa XIX edición e xa puxo á venda os primeiros packs de 200 entradas ao prezo máis baixo de toda a historia do certame.

A XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio, continuará esta edición na súa liña de programar unha retrospectiva internacional, que dea coñecer ao público algúns dos cineastas máis interesantes e orixinais do momento.
joao nicolauLogo da dedicada na última edición a Kléber Mendonça Filho, un dos grandes cineastas brasileiros da actualidade, este ano Cans programará outra retrospectiva de gran nivel, como é a do cineasta portugués João Nicolau, un dos expoñentes máis brillantes do novo cinema portugués.
João Nicolau (Lisboa, 1975), realizou ata o de agora tres filmes, que se poderán ver en Cans e que foron estreados en certames de gran prestixio como Cannes, Venecia, BAFICI de Bos Aries, Locarno ou Sevilla. A irrupción do fantástico e o onírico entremesturados coa cotiandade que dá paso a novas realidades é unha das características da obra de Nicolau, convertendo o seu cine nun territorio máxico, onde a música e o humor xogan un papel destacado.
O director estará presente en Cans, onde o público poderá conversar con el sobre os seus filmes, e tamén sobre as súas curtametraxes, das que o festival ofrecerá unha sesión, con Rapace (2006), estreada en Cannes, Cançao de Amor e Saúde (2009), que tamén pasou por Cannes, e Gambozinos (2013), premiada en festivais internacionais como Milán, Belfort ou Vila do Conde.

Proxección previa dos seus filmes
Como explicou na presentación da imaxe desta XIX edición o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, a retrospectiva das longametraxes de Nicolau “servirá como introdución ao festival na fin de semana anterior ao mesmo, buscando ampliar a mirada cinéfila do público á par que se descobren novos e interesantes autores de proxección internacional”. Os filmes proxectaranse no Centro Cultural, cedido polo Concello do Porriño, e a entrada será de balde.
A primeira película, A espada e a rosa (xoves, 12 de maio ás 20 h), contará coa presentación do director que se dirixirá ao público vía streaming, para dar paso a John From (venres, 13 de maio ás 21 h) e o a Technoboss ( sábado 14 ás 12 h).
João Nicolau estará presencialmente en Cans na fin de semana máis intensa do festival onde será o convidado do encontro Café Dromedario con CREA, organizado en colaboración coa asociación de directoras e directores galegos. Tamén ofrecerá ao público un avance do seu novo filme en posprodución, John in Christ.

Nova imaxe a cargo de Rei Zentolo e o prezo máis baixo de todas as edicións para as primeiras 200 entradas

cartel cans 2022A retrospectiva anunciouse durante a presentación da imaxe gráfica e as camisetas do XIX Festival de Cans celebrada no Riquela Club, en Santiago de Compostela. Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo, empresa que regresa a Cans, quixo destacar o elemento principal desta edición número 19: a volta da edición de Cans ao mes de maio, recuperando as datas habituais do certame. Explicou que o número 19 do tarot elixido para o deseño da imaxe deste ano é “representada polo sol na parte superior, significa cousas positivas: vida, amor e felicidade. No fondo da imaxe, o can e outros símbolos do «agroglamour» de Cans como o jaliñeiro, os chimpíns, as flores ou o símbolo da paz, entre outros elementos agochados que quedan á descuberta do público”.
Ao acto tamén acudiron a señora Alicia, do Jalpón de Alicia, a colaboradora máis popular e de maior idade de Cans, e César Lourido, en representación da Asociación Cultural Arela, encargada da organización do festival. Lourido avanzou que desde hoxe están á venda as primeiras entradas ao prezo máis baixo de toda a historia do Festival de Cans. Serán 15 euros por cada pack de entrada, camisola oficial do certame, catálogo e chapa de edición limitada. O prezo final os días do festival será de 27 euros. A oferta está limitada aos primeiros 200 packs e só estará dispoñible ata o 26 de abril na tenda virtual do festival de cans tenda.festivaldecans.com. Esta rebaixa nos prezos realízase para fomentar o retorno do público ás salas trala pandemia.
No que respecta ás capacidade dos jalpóns, neste 2022 amplíase ao 75%, aumentando as fixadas nas dúas edicións pasadas. Coa máxima da prudencia, a organización mantén a obrigatoriedade da máscara no interior dos jalpóns, os espazos privados en casas que cede a veciñanza de Cans

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES