martes, abril 23, 2024
InicioComarcasLouriñaMargarita Ledo recibirá o Premio Pedigree do Festival de Cans

Margarita Ledo recibirá o Premio Pedigree do Festival de Cans

O actor Federico Pérez, o xornalista Javier Tolentino e Marisol Troncoso e Alfonso González, do Baixo de Alfonso, serán os galardoados cos Chimpíns de Prata da XIX edición.

A asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra, o Premio Pedigree, á cineasta, escritora e investigadora Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951), unha das autoras cun traballo máis transversal no cinema galego, abranguendo campos que van da creación á investigación e á docencia no ámbito audiovisual.
A organización do certame quere premiar en Margarita Ledo “unha obra caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país rescatando a memoria borrada”.
Margarita Ledo recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no Torreiro no marco do XIX Festival de Cans, que terá lugar entre o 18 e o 21 de maio.
O premio Pedigree 2022 irá acompañado dunha retrospectiva da súa creación de curtametraxes e narrativa experimental, rescatando tamén algunha obra inédita.

Federico Pérez Rey, Chimpín de Prata ‘Premio Pepe Puime’. O actor, guionista e monologuista é un dos rostros máis populares de Galicia. Fíxose moi coñecido pola súa interpretación en numerosas series emitidas na TVG.

Javier Tolentino, Chimpín de Prata. Referente do xornalismo cultural e, sobre todo, da información cinematográfica. Durante case dúas décadas estivo á fronte do programa El Séptimo Vicio (Radio 3), referente imprescindible do público cinéfilo, co que acadou un cento de galardóns, entre eles o Premio da Crítica ou á súa traxectoria no Festival de Cine de San Sebastián.

Marisol e Fonso, Chimpín de Prata ‘Premio Divina Campos’. Pertencentes a unha familia na que varios irmáns son colaboradores habituais do festival, Marisol e Alfonso son os propietarios do Baixo de Alfonso, do que o público popularizou nas redes a súa «porta voadora». Situado no barrio da Pedreira, é un dos espazos fixos da proxección das curtas a concurso desde hai varias edicións.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES