sábado, julio 27, 2024
InicioComarcasLouriñaPaso adiante do proxecto sociosanitario no antigo Rebullón

Paso adiante do proxecto sociosanitario no antigo Rebullón

A secretaria xeral técnica de Política Social, Mª Francisca Gómez, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, estivo esta mañá nas instalacións do que fora hospital psiquiátrico

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico do Rebullón coa secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, para concretar detalles da nova infraestrutura sociosanitaria que se localizará alí.

A xuntanza consistiu nunha visita técnica á que asistiron técnicos das consellerías tanto de Sanidade como de Política Social, co obxectivo de definir in situ as partes do proxecto sociosanitario que serán xestionadas polo Sergas e cales por Política Social.

Cada consellería está xa traballando polo tanto na súa respectiva parte do proxecto. Unha importante aposta das administracións local e autonómica para a prestación dos mellores servizos sanitarios e sociais para a cidadanía.

O antigo hospital do Rebullón ten xa o seu futuro e continuidade en activo asegurados. Un futuro que será posible grazas á transformación destas instalacións nun gran complexo con servizos sanitarios e sociais.
Trátase “dun gran proxecto de futuro para Mos” e sobre el a alcaldesa recalcou “o arduo traballo de estudo previo” no que se basea esta iniciativa e indicou que “dará servizos sanitarios e sociais a milleiros de persoas. Unha iniciativa altamente beneficiosa para a comunidade local e tamén para a comarca e para o sur da provincia de Pontevedra”.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos: “comeza a conta atrás para o novo Rebullón»

Este gran complexo no Rebullón é unha das grandes apostas da alcaldesa de Mos para a presente lexislatura. Incluído no apartado social do seu programa electoral, solicitoulle actuar neste espazo á administración autonómica tocando ao final da pasada lexislatura, e a idea comeza a materializarse xa, tras tempo de traballo técnico previo, necesario para un proxecto destas características e envergadura.

É un proxecto a tres bandas entre Concello e consellerías de Política Social e Sanidade. Un macroproxecto sociosanitario pioneiro en España que será referente en Mos e comarca, no que se fará a maior inversión en décadas.

Concluía a rexedora local expresando que “comeza a conta atrás para o novo Rebullón. Transformarémolo nun centro sociosanitario de referencia no país. Por fin o macroproxecto está iniciado tras pechar os acordos que estiveron precedidos de meses de arduo traballo. É outro soño que se fará realidade para Mos. Este será un logro histórico, recuperar este edificio emblemático na provincia para dar servizos tan necesarios e demandados en Mos e comarca”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES