sábado, abril 20, 2024
InicioNewsComarcasA Xunta reforza a Protección Civil de Soutomaior, O Rosal e Ponteareas

A Xunta reforza a Protección Civil de Soutomaior, O Rosal e Ponteareas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, fixeron entrega de tendas de campaña de emerxencia.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, de tendas de campaña de emerxencias destinadas ás  Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Pontevedra co obxectivo de reforzar o seu equipamento e mellorar a eficacia nas súas intervencións. Así, as agrupacións dos concellos de Soutomaior, O Rosal e Ponteareas contan con cadansúa tenda de campaña habilitadas para ser despregadas en situacións de emerxencia e que ofrecen ademais facilidades para o seu transporte, montaxe e desmontaxe.

Este material enmárcase na liña de axudas do ano pasado dotada con 1M€ e destinada á adquisición de equipamentos para mellorar o equipamento de agrupacións de 66 concellos galegos e 1 mancomunidade. Entre o material cedido inclúense 26 tendas de campaña para emerxencias como as tres entregadas hoxe, 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, 6 remolques para a atención das emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve e 8 esparexedores de sal. 

A convocatoria forma parte das actuacións da Xunta co obxectivo de incrementar o material de emerxencias dos concellos galegos que contan con servizos de protección civil e emerxencias; sobre todo, os que teñen menos habitantes e menos recursos, nos que as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil desempeñan un importante papel, como ten quedado de manifesto durante a pandemia do coronavirus, con máis de  100.000 operativos de reparto de alimentos e medicamentos, desinfeccións de espazos públicos e outros labores en beneficio da sociedade.

A Xunta mantén o compromiso coas 234 agrupacións da comunidade tanto a través desta orde para reforzar o seu equipamento como nas subvencións anuais destinadas a colaborar nos seus gastos de funcionamento e que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de  340.000 euros.

Deste xeito, a contía destinada pola Xunta nos últimos anos en apoio das AVPC supera os 15M€, dos que máis de 11M€ se investiron na adquisición de material e os máis de 4M€ restantes nos gastos relacionados co mantemento da súa actividade. 

Pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta tamén asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e leva investidos 9,3 millóns de euros en material de emerxencias cedido a estes grupos. 

En total, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a 21,3M€. 

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES