sábado, abril 27, 2024
InicioComarcasLouriña590 consultas e 84 novas usuarias son as cifras do CIM do...

590 consultas e 84 novas usuarias son as cifras do CIM do Porriño en 2021

Destaca a atención ás vítimas de violencia de xénero (189) e a atención psicolóxica (272).

O Centro de Información á Muller (CIM) do Porriño, localizado na propia casa consistorial, atendeu o ano pasado un total 590 consultas, a maioría delas demandando atención psicolóxica e asesoramento xurídico en casos de violencia de xénero.

Poñendo o foco nas cifras destaca a atención ás vítimas de violencia machista que ascende a 189 consultas. As referentes a atención psicolóxica foron 222, 30 as demandas de terapia psicolóxica, 57 as consultas sobre dereito de familia e dúas de orientación de emprego.

Cabe destacar estes datos son os que reflicte o informe estatístico autonómico, pendente de actualización que elevaría sensiblemente o número de consultas por cada usuaria.

Un servizo confidencial, personalizado e gratuíto

O Centro de Información á Muller ten como obxectivo favorecer e impulsar a participación da muller, en igualdade de condicións, na vida política, social e económica do Porriño. O seu equipo está formado por unha asesora xurídica e un psicólogo que realizan un importante labor como porta de entrada ás administracións para as mulleres en situación de vulnerabilidade, proporcionándolles asesoramento xurídico, atención psicolóxica e información en materia de recursos dispoñibles no ámbito territorial.

A entidade coordina diferentes actividades divulgativas dirixidas á promoción da igualdade e á eliminación da violencia machista.

Cabe destacar a atención especializada en casos de violencia machista, que proporciona ás vítimas asesoramento xurídico e psicolóxico (denuncias, ordes de afastamento e protección, entre outros), xestión do aloxamento alternativo e dos recursos necesarios nestes casos, tramitación da teleasistencia para as vítimas, apoio psicolóxico e colaboración con outros servizos de intervención en casos de violencia contra a muller como a Garda Civil, as casas de acollida e outros servizos públicos. Tamén gardan unha estreita colaboración co corpo da Policía Local, que fai seguimento das vítimas de violencia de xénero, que actualmente ascenden a nove mulleres residentes no Porriño, protección á vítima, evitar a dobre vitimización e comunican os casos que nos que se interveñen.

«É moi importante que as mulleres saiban que o servizo que se ofrece é totalmente gratuíto, personalizado e confidencial, e que se respecta en todo momento o anonimato e a súa vontade na busca de posibles solucións aos seus problemas», explicou a concelleira de Igualdade, Carolina González.

No mesmo sentido manifestouse o alcalde, Alejandro Lorenzo, que animou «a todas aquelas mulleres que estean atravesando unha situación de vulnerabilidade a pedir axuda no CIM. Alí atoparán a un equipo de profesionais dispostos a axudalas e guialas na procura dunha saída ao problema que atravesan. Deben saber que non están soas».

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES