miércoles, abril 17, 2024
InicioComarcasLouriñaMos contará con axudas para novas vivendas protexidas

Mos contará con axudas para novas vivendas protexidas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa mantiveron unha reunión para analizar as necesidades habitacionais

Ángeles Vázquez recordou a Nidia Arévalo que os fondos europeos que xestiona a Xunta prevén un programa para impulsar proxectos para a construción de novas vivendas protexidas no Concello.

Ángeles Vázquez mantivo unha reunión con Nidia Arévalo, na que coñeceu os proxectos de interese municipal nesta materia, que se centran en desenvolver un novo ámbito residencial na contorna urbana de Pozas, na parroquia de Petelos.

A rexedora sinalou que, a priori, representa un ámbito óptimo para o desenvolvemento do proxecto, xa que acolle varios centros formativos e edificios deportivos e culturais. Por este motivo, a conselleira comprometeuse a colaborar co Concello na tramitación urbanística necesaria para o desenvolvemento desta actuación, así como na solicitude de axudas ao abeiro das convocatorias ás que desexen optar.

Así mesmo, é intención do Concello a apertura dun rexistro municipal de demandantes para estas vivendas, a maiores do rexistro oficial autonómico, para valorar e ter unha estimación máis axustada coa realidade respecto do volume de poboación interesada en solicitalas.

Pola súa banda, sobre o novo programa de axudas, a conselleira explicou que ao longo do actual trimestre se publicará a convocatoria e estará dirixida concretamente á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, cun orzamento de 16,1 millóns de euros.

As axudas están dirixidas a promotores, empresas e sociedades de carácter público ou público-privado, que poden optar a 50.000 euros por cada vivenda construída, co obxectivo de poñer no mercado máis inmobles protexidos en réxime de alugueiro.

A conselleira e alcaldesa coincidiron en que este programa representa unha boa medida para facilitar á mocidade de Mos, concretamente, unha oportunidade para acceder ao seu primeiro fogar, ao tempo que se enchen de vida e de dinamismo outras zonas do municipio.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES