viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaMos pide axilizar as obras da pasarela peonil en Amieirolongo

Mos pide axilizar as obras da pasarela peonil en Amieirolongo

Os traballos na N-550 levan meses de retraso e a alcaldesa pide o seu remate, xa que “non podemos prolongar máis no tempo o prexuízo a veciñanza, negocios e condutores pola demora do Ministerio”

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou os traballos da pasarela peonil en Amoeirolongo e reuniuse a pé de obra con técnicos do Ministerio de Fomento para comprobar o desenvolvemento dos labores na Estrada Nacional 550, e esixirlles máxima celeridade na execución das obras, que comezaron a principios de setembro e xa terían que estar rematadas dende hai tempo.
“Os traballos comezaron a principios do pasado mes de setembro e debían ter rematado a finais de ano, sen embargo atopámonos no mes de febreiro e o avance da obra é mínimo, tendo estado parado durante semanas en moitas ocasións. Nós non podemos seguir permitindo o prexuízo que isto está a causar a condutores, veciñanza e negocios da zona”, declarou Arévalo.
A alcaldesa leva semanas tentando que se axilicen as obras, solicitando por escrito que os traballos avancen tamén durante as horas nocturnas para acelerar o desenvolvemento dos mesmos, sen obter ningún tipo de resposta por parte do Ministerio de Fomento. Incluso a semana pasada a rexedora persoouse na Demarcación de Estradas do Estado en Pontevedra a tal fin, sen lograr en ningún caso resposta; tampouco ás súas chamadas nin escritos presentados, por parte dos responsables do Ministerio na provincia, que a día de hoxe continúan sen poñerse en contacto con ela para abordar esta tema de importancia capital para o Concello e a veciñanza.
Ademais, a alcaldesa aproveitou o encontro cos técnicos de Fomento para desbloquear, xunto co concelleiro de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, o problema da falla de cobertura de Internet por fibra óptica no barrio de Amieirolongo en Sanguiñeda, tamén nesta mesma zona da N-550. A instalación da fibra na zona atópase parada porque Fomento non dá permiso para as arquetas que ten que colocar a operadora de telefonía, polo que se analizou o tema in situ, para darlle unha solución ao problema.
Desde o ‘Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana’, a través da ‘Dirección General de Carreteras’, comezáronse os traballos no nó de Amieirolongo, entre a A-52 e a Estrada Nacional 550 os primeiros días do pasado mes de setembro.
O proxecto da pasarela en Amieirolongo consiste na histórica reclamación dunha pasarela peonil que cruce o nó de Amieirolongo en Sanguiñeda, e que enlace o punto quilométrico 306 da A-52 coa Nacional 550, zona onde se atopan situadas varias superficies comerciais. Cómpre lembrar que foi comprometida fai anos polo Ministerio de Fomento, que fai unha inversión, IVE incluído, de 233.741,27 euros, neste proxecto de construción de pasarela peonil para o Camiño de Santiago con mellora da seguridade vial e execución de pasarela peonil. Obra que conta coa pertinente cesión de terreos por parte do Concello de Mos.
Con esta pasarela evitarase que os peregrinos (así coma calquera outro viandante e/ou veciño) teñan que cruzar a estrada Nacional 550 no perigoso cruce de Amieirolongo.
Trátase tamén dunha zona, a de Amieirolongo, con moito tráfico rodado debido a que nela conflúen varias entradas e saídas da autovía, o que incrementa a perigosidade para os camiñantes, tendo en conta ademais que, a día de hoxe non existe habilitado ningún paso de peóns nin sinalización específica que optimice a seguridade dos mesmos.
Nos informes técnicos municipais remitidos a Fomento, abordábase a situación en materia de seguridade viaria dos itinerarios peonís situados no punto quilométrico 155+500 da estrada Nacional 550. En dito punto quilométrico o Ministerio de Fomento procedeu á construción dunha rotonda que regula o tráfico de vehículos que acceden dende a autovía A-52 á estrada N-550 e que dificulta o tránsito de peóns ao presentar a zona insuficiencia de infraestruturas peonís no lugar e contorno próximo, tales coma tramos continuos e conectados entre si de beirarrúas. Ademais, os tramos de beirarrúas que dende As Angustias e dende Amieirolongo discorren por ambas marxes da N-550 son desconexos ou descontinuos unha vez que chegan á mencionada rotonda e ás conexións da estrada N-550 coa autovía A-52, de maneira que non se garante o percorrido peonil, rematando na maioría dos casos en situacións de volta atrás ou de atravesamento moi perigoso a pé das saídas e entradas á autovía A-52.
Así como o cruce do Camiño de Santiago no dito punto e ademais do trazado do Camiño que ven polo camiño da Quiringosta e se ven na obriga de cruzar dita nacional, existindo un risco importante para os viandantes. Situacións estas que agora quedarán solucionadas unha vez rematada a nova pasarela peonil.
Incidiu a alcaldesa, Nidia Arévalo, na vital importancia do remate urxente desta obra en Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda “que eliminará o perigo que supón para os veciños, para os peregrinos e para todas as persoas que transitan por esta estrada entre Mos e O Porriño, xa que é unha zona comercial e por ela pasa o Camiño de Santiago”. Pasarela peonil que desde o Concello levábase anos reclamándose “por ser vital e de necesidade imperiosa, polo que nos atopamos ante unha boísima nova a celebrar polo Concello de Mos, a súa veciñanza, e todos os condutores e viandantes que transitan a diario por esta zona”, concluíu a rexedora local mosense

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES