lunes, febrero 26, 2024
InicioComarcasLouriñaMos lanza a terceira campaña do microchip en mascotas

Mos lanza a terceira campaña do microchip en mascotas

O Concello subvenciona a implantación do dispositivo para os cans das familias do municipio, debendo aboar os donos tan só 10 euros

Tralo éxito da dúas previas, Mos emprende a terceira campaña de prevención do abandono e/ou perda de cans mediante a subvención do microchip obrigatorio. Entre as dúas primeiras campañas o Concello de Mos subvencionou un total de 80 microchips para cans de familias do municipio (20 na primeira campaña en 2021 e 60 na segunda o pasado ano 2022).

Deste xeito a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron hoxe de que o vindeiro luns, 6 de febreiro, abrirase o prazo para solicitar esta axuda municipal. Prazo que rematará o día 28 deste mesmo mes.

A campaña preventiva consiste na subvención por parte do Concello da meirande parte do custe da implantación do dispositivo nos cans beneficiarios da mesma. Tendo os seus donos que asumir unicamente o pago de 10 euros por mascota.

As persoas interesadas en optar a esta axuda poderán solicitalo desde o 6 ao 28 do presente mes de febreiro presencialmente no Rexistro Xeral, sito na Casa Consistorial mosense, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres, ou telepaticamente a través da Sede Electrónica do Concello de Mos. Os solicitantes teñen que descargar o formulario da web municipal, cubrilo e presentalo en Rexistro ou por Sede Electrónica.

Tras o remate do prazo de inscrición informarase aos beneficiarios sobre a clínica veterinaria á que terán que acudir para proceder á implantación do microchip ás súas mascotas. Os obxectivos fundamentais desta campaña son evitar os abandonos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío.

En 2021 poñíase en marcha a primeira fase desta campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.
Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña púxose en marcha porque desde a concellería que dirixe Costas e desde o Servizo Municipal de Emerxencias, detectouse que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandono de animais domésticos” explica o edil de Medio Ambiente.
A concesión das axudas farase por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal. O procedemento de colocación dos microchips comezará de xeito inminente tras o prazo de inscrición.
Desde o Concello de Mos preténdese concienciar ás persoas sobre os abandonos e a importancia das adopcións. Respecto diso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar. Na actualidade existen aproximadamente 300 millóns de cans no mundo, cunha gran variedade de razas e tamaños. Hoxe en día existen desde cans de compañía ata cans policías, cans bombeiros, cans lazarillos…

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES