Triplícanse as axudas para comedor, dando resposta a todas as solicitudes, e duplícanse as de material escolar.

Abriu o prazo este martes, 27 de setembro e ata o vindeiro 14 de outubro, para solicitar as axudas municipais para comedor e material escolar.
As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica municipal. O modelo de solicitude a cumprimentar pódese así mesmo descargar na páxina web municipal, mos.es, ou recollelas en papel no Rexistro Xeral do Concello ou na OMIX.
Este curso Mos triplica as axudas para comedor e duplica as de material escolar. O orzamento municipal anual destinado a subvencións para comedor escolar ascende de 10.000 euros a 30.000 euros, de xeito que ningunha familia solicitante quedará sen axuda.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, informaron de que o Concello de Mos multiplicou as axudas para escolares, tanto no que se refire a comedor como a material escolar, apostando de xeito decidido polo apoio á conciliación da vida familiar e laboral dos pais, nais e familias mosenses.

As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, explicaron que o pasado mes de xuño sacouse desde a administración local unha convocatoria extraordinaria para triplicar o orzamento municipal destinado ás axudas para comedor escolar, pasando a cantidade anual destinada a tal fin de 10.000 euros a 30.000 euros. Polo que dos solicitantes da axuda para a anterior convocatoria, todos eles contaron con ela concedida.

A subvención concedida polo Concello neste senso é de 2 euros por menú de cada neno/a ao día.

Na presente convocatoria para estas axudas mantense a mesma contía orzamentaria destinada a tal fin co obxectivo de poder seguir concedendo a subvención a todas as familias demandantes.

En canto ás axudas municipais para a adquisición de material escolar xestionadas pola Concellería de Política Social e Igualdade que dirixe a edil Sara Cebreiro, tamén se duplicou o orzamento anual destinado a tal fin, pasando de 5.000 euros a 10.000 euros.

Neste presente curso 2022-2023, tanto as axudas para a adquisición de material escolar como de uso de comedor escolar, manteñen o importe multiplicado. No caso do material pásase, como xa se dixo, dos 5.000 aos 10.000 euros, para poder chegar ao maior número de familias.

Novidade no método de pago das axudas para comedor

Os pagos das axudas para comedor escolar inclúen este curso unha nova forma de pago trimestral. Os abonos das subvencións faranse cada tres meses, sendo o primeiro en decembro (para os meses de setembro, outubro e novembro), marzo (para os meses de decembro, xaneiro e febreiro) e xullo (para os meses de marzo, abril, maio e xuño).

¿E ti, es de Tweet?