O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou na cena dos populares en Mos “que a política que leva a cabo o partido alá onde goberna é a política dos principios, da estabilidade, do rigor e da convivencia” e que isto “se demostra con feitos tanto nas actuacións do Goberno galego como na xestión de Nidia Arévalo á fronte do Concello de Mos”, en palabras do líder do PPdeG.
“Xusto o contrario”, engadiu, “ao que acontece con aqueles partidos que exercen a política desde a chantaxe, as promesas incumpridas, os pactos escuros e os enredos imposibles de siglas”. Exemplificouno nun Pedro Sánchez e nun PSOE “que prometían que non ían aprobar indultos, que afirmaban non estar a favor da amnistía e que se negaban a condonar unha débeda a Cataluña que agora vai custar 400 euros a cada galego”.
Unha situación que Rueda cualificou de “disparate e ante a que Galicia non pode permanecer impasible”. Por iso fixo un chamamento a todos os presentes a “defender a dignidade, a estabilidade, o progreso e a cohesión da nosa Comunidade”.
En clave local, recordou algunhas das actuacións que levou a cabo a Xunta en Mos como é o caso do centro pioneiro de coidados intermedios no Rebullón, a nova vivenda protexida que se vai construír en San Eleuterio ou os investimentos no Hurbe co fin de seguir facendo das cidades lugares máis amables.

