martes, abril 30, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoUnha nova liña de bus unirá Vigo, Porriño e os seus polígonos

Unha nova liña de bus unirá Vigo, Porriño e os seus polígonos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade activará desde o día 5 de xuño un novo servizo entre Vigo, O Porriño e os parques empresariais da Granxa e das Gándaras.

A nova liña incluirá 8 expedicións, 4 de ida e 4 de volta, que mellorarán a oferta de servizos entre ambos os dous municipios. Con este novo servizo darase resposta ás demandas de mobilidade trasladadas polo Concello do Porriño, ampliando as alternativas de viaxe dos usuarios do transporte público autonómico, especialmente, daquelas persoas que se despracen por motivos laborais cara a estes polígonos industriais.

Os usuarios disporán de servizos desde primeira hora da mañá ata o remate do día, tanto para a ida como para a volta, facilitando así a compatibilidade horaria.

Concretamente, haberá 4 expedicións de ida con saída desde a estación intermodal de Vigo ás 05,00, 07,00, 13,00 e 21,00 horas con chegadas á parada O Porriño (Cablería Auto) ás 05,50, 07,50, 13,50 e 21,50 horas, respectivamente.

Para a volta establécense 4 servizos con saídas desde a parada O Porriño (Cablería Auto) ás 06,00, 14,00h, 16,50 e 22,00 horas e chegadas á estación intermodal de Vigo ás 06,50, 14,50, 17,40 e 22,50 horas.

Deste xeito, en menos dunha hora os usuarios realizarán o percorrido completo, garantindo a puntualidade nos centros de traballo e axilizando as chegadas do persoal aos seus fogares ao termo da xornada laboral.

O itinerario comprende 9 paradas, das cales 6, nos polígonos industriais, son de nova creación. A relación de puntos de paso inclúe 2 en Vigo e 7 no Porriño por esta orde: Vigo estación intermodal, Vigo (praza de España), O Porriño (avenida de Galicia), O Porriño (Imprenta Paz), O Porriño (Vip Galicia), O Porriño (CTAG), O Porriño (GESTAMP), O Porriño (CEAMSA), O Porriño (Cableria Auto).

As 8 expedicións manteranse operativas durante todo o ano, en días non festivos, de luns a venres, consonte as necesidades de mobilidade dos usuarios, especialmente os que precisan desprazarse por motivos de traballo aos polígonos industriais do Porriño. A información relativa aos novos servizos está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES