O Aula Universitaria da UNED no Porriño consolida a súa aposta pola educación superior coa oferta de tres graos universitarios oficiais: Dereito, Traballo Social e Socioloxía. Polo de agora, o centro suma xa medio cento de alumnos matriculados nas súas formacións de graos, encabezadas polo Grao en Dereito, seguido do Grao en Traballo Social e o Grao en Socioloxía.
“A Aula Universitaria da UNED no Porriño é un exemplo de como a educación a distancia pode facilitar o acceso á universidade sen necesidade de desprazamentos e contribuíndo ao enriquecemento formativo e cultural do noso concello”, asegurou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo xunto ao Director da UNED en Pontevedra, Victor Manuel González, durante o habitual acto de inicio de curso.
Estes datos veñen dar continuidade á actividade académica e cultural desenvolvida polo centro durante o pasado curso 2025-2026, no que se consolidou como un “referente de formación, divulgación e achegamento da universidade á cidadanía”. Ao longo do exercicio anterior programáronse un total de 29 actividades de Extensión Universitaria nas que participaron 1.031 persoas, abarcando ámbitos tan diversos como os idiomas, o patrimonio, o medio ambiente, as novas tecnoloxías, a intelixencia artificial, a formación profesional e o benestar persoal. Con esta participación e a incorporación dos estudantes de grao, a aula acadou unha cifra total de 1.081 matrículas e vinculacións no conxunto do curso.
De cara ao ciclo 2026-2027, e co proceso de inscrición acaba de pechar con “moi bo resultado”, a UNED do Porriño conta xa con oito actividades de extensión universitaria en funcionamento que suman un total de 152 alumnos rexistrados. Entre as propostas con maior demanda destacan o curso de Lingua de Signos, con 44 participantes, e o programa UNED Sénior,con 34 inscritos. A oferta desta etapa compleméntase co curso de Prevención Integral en Drogodependencias, os obradoiros de Reforzo para a ESO e Yoga , o curso de Patronaxe e Confección e o de Cociña. Con estes datos, o centro reafirma o seu compromiso coa formación continua, a inclusión e a democratización do acceso aos estudos superiores na localidade.

