HomeNewsActualidadeA parroquia de Louredo, en Mos, ampliará a súa rede de saneamento...

A parroquia de Louredo, en Mos, ampliará a súa rede de saneamento grazas a unha inversión de 155.000 euros

 A Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinan 155.000 euros á ampliación e mellora da rede de saneamento no lugar do camiño da Costa Redonda a Arrufana, na parroquia de Louredo, tal e como recolle o convenio de colaboración asinado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo.

A conselleira, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, puxo en valor que este convenio “exemplifica a colaboración entre a Xunta e o Concello para sumar recursos e capacidade para impulsar infraestruturas hidráulicas necesarias para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza e, ao mesmo tempo, construír un territorio máis resiliente”.

Esta actuación concreta, que financia nun 80% a Xunta e nun 20% o Concello, consiste na execución de 517 metros de nova rede de saneamento, 19 pozos de rexistro e 10 derivacións para futuras acometidas ás que se poidan conectar no futuro máis vivendas. A previsión é que este sistema poida dar servizo ata a 80 habitantes, que sería o dobre da poboación actual.

A rede proxectada, que conta con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), descargará no colector xeral de saneamento do río Louro e o destino as augas residuais será a estación depuradora de Guillarei, localizada no Concello de Tui. De feito, esta actuación forma parte da estratexia da Xunta para completar e mellorar progresivamente o saneamento na conca do Louro, aproveitando a capacidade da depuradora de Guillarei.

Nese senso, Ángeles Vázquez subliñou que “investir en saneamento significa mellorar os servizos públicos, protexer os recursos hídricos e avanzar cara a un territorio máis sostible.  Por iso, a Xunta mantén unha política activa de colaboración cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais”. 

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para facer posible esta actuación e destacou que “a ampliación da rede de saneamento en Louredo permitirá mellorar un servizo básico para a veciñanza e, ao mesmo tempo, preparar a infraestrutura para o crecemento futuro da zona, dando resposta ás necesidades actuais e futuras das familias”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS