O Concello de Mos conmemorará o Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra cada 1 de outubro, cunha formación gratuíta destinada a persoas maiores de 55 anos para facilitar o uso das novas tecnoloxías e mellorar a súa autonomía no día a día.
A actividade forma parte do programa EXPERTCLICK, unha iniciativa da Asociación Española de Banca e da Fundación AEB que ofrece formación práctica en competencias dixitais, adaptada aos diferentes niveis de coñecemento das persoas participantes.
As sesións terán lugar os días 2 e 9 de outubro, de 17.00 a 19.00 horas, na Casa Reitoral de Petelos. As persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 48 77 86.
Ao longo da formación abordaranse cuestións de utilidade para a vida cotiá, como a configuración e o uso do teléfono móbil, as videochamadas, a descarga de aplicacións ou o acceso a museos virtuais, música e libros dixitais. Tamén se ensinará como realizar diferentes trámites pola internet, entre eles solicitar unha cita médica, descargar un certificado electrónico, realizar operacións de banca dixital ou facer compras seguras en liña.
A proposta busca que as persoas participantes poidan utilizar a tecnoloxía con maior seguridade e confianza, especialmente en aquelas xestións que cada vez se realizan con máis frecuencia a través de Internet.

