O Concello de Salvaterra de Miño ven de contratar, a través da subvención da Xunta de Galicia, un estudo de situación e usos do mercado de abastos.
“A praza de abastos de Salvaterra de Miño debe constituír un importante espazo comercial e social no conxunto do municipio. Non obstante, como acontece en moitas prazas galegas, enfronta retos vinculados ao relevo xeracional, á competencia doutros formatos comerciais e á necesidade de adaptación ás novas demandas da cidadanía” aseguran dende o goberno local.
Neste contexto, o Concello propón a realización dunha diagnose integral da situación e usos da praza para dispoñer “dunha radiografía precisa e actualizada” do funcionamento da praza e do seu impacto económico, social e territorial.
O obxectivo principal desta proposta é levar a cabo unha diagnose integral e participada da situación actual e dos usos da praza de abastos de Salvaterra de Miño, como paso previo á solicitude e obtención do Selo de Mercado Excelente outorgado pola Xunta de Galicia. Esta diagnose permitirá coñecer en profundidade a realidade do mercado, o seu impacto económico e social, e establecerá as bases para definir actuacións de mellora que garantan a súa adaptación aos requisitos de excelencia establecidos na normativa do Selo de Mercado Excelente.

