A Coral Polifónica de Arbo cumpre 30 anos de vida adicada á musica. Un total de tres décadas na que, segundo aseguran dende o Concello de Arbo “se consolidou como unha das institucións máis queridas, senlleiras e representativas do concello”. “Dende a súa fundación”, aseveran, “non só soubo cultivar a paixón polo canto e a música polifónica, senón que actuou como a mellor embaixadora do nome de Arbo por toda a xeografía galega e fora das nosas fronteiras”.
A razón deste fito, o Auditorio do Centro Multiusos acollerá o vindeiro 17 de outubro un concerto e acto de homenaxe deseñado para poñer en valor o legado de todos os homes e mulleres que fixeron posible a súa andadura durante os seus trinta anos de vida.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, expresou “en nome de toda a corporación e dos veciños e veciñas do municipio, o máis profundo agradecemento e admiración cara á Coral Polifónica” e asegurou que “falar dela é falar da propia alma e identidade do noso municipio”.
Recompilación gráfica e audiovisual
Co obxectivo de que a homenaxe do 17 de outubro sexa un fiel reflexo destes 30 anos de historia viva, dende o Concello de Arbo e a xunta directiva da Coral estase a traballar na recompilación de todo tipo de memoria gráfica e documental.
Dende a organización, fan un chamamento a todos os coralistas, ex-coralistas, familias e colaboradores/as que garde calquera tipo de material histórico (fotografías, carteis, programas de man, vídeos, prensa ou calquera outra documentación) a que o compartan para formar parte desta lembranza colectiva.

