HomeNewsActualidadeRécord de participación na Festa do Viño do Condado do Tea: 29...

Récord de participación na Festa do Viño do Condado do Tea: 29 adegas e máis de 100 referencias

Salvaterra de Miño prepárase para acoller unha nova edición da Festa do Viño do Condado do Tea, que este ano celebrará a súa LXVII edición os días 28, 29 e 30 de agosto no recinto amurallado. Trátase da segunda festa do viño máis antiga de Galicia, declarada de Interese Turísitico de Galicia, e que durante tres xornadas acollerá milleiros de visitantes e veciños ao redor dos viños do Condado do Tea, a gastronomía, a música, a cultura e a tradición.

A LXVII volverá a postar pola súa realización na totalidade do recinto amurallado, contando tamén con espazo de mesas na Praza do Castelo e un segundo escenario.

Ao tempo, a festa continúa medrando tamén no número de adegas participantes, cun total de 29 adegas e máis de 100 referencias de viños, unha cifra récord para o evento. A oferta completarase con postos de comidas que darán servizo aos espazos de mesas habilitados en ambos puntos do recinto.

Música e actividades

Como en cada edición, a música será unha das grandes protagonistas da festividade. As noites gastronómicas contarán este ano coas actuacións de Breo, Tiruleque, La Patrulla e Poi Floid o venres; Judit Mateo, Sheila Patricia, D’Crooners e Los Jinetes del Trópico o sábado; e As Miñeiras, Ni Fu Ni Fuck, A Banda do Sequío e Son das Tabernas o domingo. 

A programación comezará o venres 28 de agosto ás 19:30 horas cunha actividade especialmente pensada para o público infantil e familiar: o espectáculo “Museo Encantado”, da compañía Dani García, cunha duración aproximada de tres horas. Ás 20:00 horas terá lugar a inauguración oficial da LXVII Festa do Viño do Condado do Tea no recinto amurallado, coa actuación da Banda de Gaitas Pontenova e da charanga “Nosokoas” polo recinto. 

Ás 22:00 horas comezarán os concertos de Breo, Tiruleque, La Patrulla e Poi Floid, dando paso ás noites gastronómicas cos nosos viños e cos produtos da terra e do mar. 

O sábado 29 de agosto a actividade comezará ás 10:00 horas coa Cata Oficial á procura dos deliciosos viños da denominación de orixe Rías Baixas. A partir das 12:00 horas abrirán os postos de comida, viño e produtos gastronómicos. Durante a tarde haberá actuacións da charanga “Nosokaos”, a batucada de Lenha Verde e, ás 19:30 horas, unha nova sesión do espectáculo familiar “Museo Encantado”. 

A partir das 22:00 horas será a quenda dos concertos de Judit Mateo, Sheila Patricia, D’Crooners e Los Jinetes del Trópico, nunha nova noite gastronómica no recinto amurallado. 

O domingo 30 de agosto estará especialmente dedicado á tradición e ao folclore. Ás 10:30 horas terá lugar o desfile de bandas de gaitas e grupos folclóricos e, ás 11:00 horas, a recepción das confrarías e autoridades na Praza do Concello, para posteriormente dirixirse ao recinto amurallado. 

Ás 11:15 horas, no Salón de Plenos do Concello, celebrarase o acto de nomeamento dos novos confrades da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos, así como a declaración dos “viños deliciosos do ano”. 

Ás 13:00 horas, xa no recinto amurallado, terá lugar a lectura do pregón, que nesta edición correrá a cargo de Rafa Durán, presentador, cómico e animador. A programación do domingo completarase coas actuacións das charangas “Nosokaos” e “Xuntanza”, Lenha Verde e, ás 19:00 horas, os concertos de As Miñeiras, Ni Fu Ni Fuck, A Banda do Sequío e Son das Tabernas. 

Catas comentadas e Túnel do Viño

A actividade da Festa do Viño do Condado do Tea comezará xa durante a semana previa coa celebración das tradicionais catas comentadas, nas que as diferentes adegas participantes ofrecerán degustacións dos seus viños de maneira gratuíta. 

As catas terán lugar entre o luns 24 e o venres 28 de agosto, no recinto amurallado, e estarán dirixidas polas propias adegas participantes. As prazas serán limitadas e será necesaria inscrición previa. 

Ademais, o Túnel do Viño volverá abrir as súas portas os días venres 28 e sábado 29 de agosto, no Museo da Ciencia do Viño, en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 18:00 a 21:00 horas. Por un prezo de 15 euros por persoa, o público poderá degustar unha ampla selección dos viños da subzona do Condado do Tea, nunha actividade que permite coñecer a diversidade e riqueza da produción vitivinícola da zona. 

As inscricións tanto para as catas comentadas como para o Túnel do Viño deberán realizarse a través do teléfono 617 148 866 ou do correo electrónico museocienciavino@concellodesalvaterra.org. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS