O Concello de Mos reuniu a Mesa Local de Comercio, un espazo de participación e coordinación no que están representados a Administración municipal, a Xunta de Galicia, o comercio local, a hostalaría, o tecido empresarial e as persoas consumidoras.
A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Mos, Nidia María Arévalo, e contou coa participación da concelleira de Emprego, Julia Loureiro; de Gabriel Alén Castro, representante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, e de representantes das distintas asociacións e entidades que forman parte da Mesa.
Durante o encontro, a concelleira de Emprego, Julia Loureiro, presentou un vídeo resumo das actuacións municipais de apoio e promoción do comercio local, no que se recolleron distintas iniciativas desenvolvidas polo Concello de Mos para dar visibilidade aos establecementos do municipio e fomentar as compras de proximidade.
Entre estas actuacións, a concelleira destacou a promoción dos negocios locais mediante vídeos difundidos nas redes sociais municipais e a organización de MercaMos, que a fin de semana do 21 e 22 de novembro celebra a súa cuarta edición.
Tamén se presentaron as actuacións previstas para a Campaña do Comercio Local dos meses de novembro e decembro de 2026, xunto coas iniciativas de formación e información dirixidas ao tecido comercial.
Pola súa banda, a presidenta de ACESMOS, Carmen Soliño Alonso, trasladou as principais preocupacións e demandas da asociación, que conta actualmente con 30 socios.
Entre as cuestións expostas figurou a solicitude á Dirección Xeral de Comercio de novas convocatorias de axudas ás que poidan acceder directamente as asociacións de comerciantes, distintas das liñas específicas destinadas aos Centros Comerciais Abertos (CCA).
A asociación tamén abordou a problemática existente en materia de consumo e as dificultades que estas cuestións poden xerar no día a día dos establecementos comerciais.
O representante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, quen participou no encontro por videoconferencia, puido coñecer directamente as cuestións formuladas pola representación comercial e intercambiar impresións sobre as necesidades do sector.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a “importancia de manter unha comunicación directa cos representantes do comercio local e de contar cun espazo no que poidan trasladar as súas propostas e preocupacións”. “Queremos que esta Mesa sexa un espazo útil, no que os comerciantes poidan trasladar as súas necesidades, compartir propostas e participar no diálogo sobre as actuacións que afectan ao comercio do noso municipio”, sinalou a rexedora.

