HomeNewsActualidadeO Porriño inaugura o seu cine con trece proxeccións durante as festividades...

O Porriño inaugura o seu cine con trece proxeccións durante as festividades do Nadal

O Porriño inaugura o seu novo Cine Municipal, un espazo no que a veciñanza poderá volver gozar da gran pantalla sen ter que desprazarse a outras localidades. O Concello vén de presentar a programación inaugural da sala, que comezará a funcionar o próximo 5 de decembro cun ciclo de cine gratuíto con motivo das festas de Nadal.

A iniciativa, denominada Cine de Nadal 2026-2027, ofrecerá trece películas ao longo de seis fins de semana, ata o 10 de xaneiro. A carteleira reúne títulos infantís, familiares e para o público adulto, con sesións os sábados e domingos ás 17:00 e ás 19:00 horas e pases adicionais en determinadas xornadas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que a inauguración permitirá “recuperar unha costume que durante décadas formou parte da vida social da vila”. “Queremos que este Nadal sexa especial para moitas familias do Porriño. Que os nenos poidan vivir a ilusión de ir ao cine no seu propio pobo, que os mozos teñan unha nova alternativa de lecer e que os nosos maiores poidan recuperar aqueles recordos de cando ir ao cine era todo un acontecemento”, sinalou.

O municipio contou no pasado con salas como o Carrera, o Diz, o Capitol, o Roxy ou o Palacios, espazos que marcaron a vida de distintas xeracións de porriñeses e porriñesas. Coa apertura do novo Cine Municipal, o Concello recupera esa vinculación histórica co cinema e incorpora unha nova alternativa cultural e de lecer á oferta local. “Durante moitos anos, o cine foi un lugar de encontro para os porriñeses. Hoxe queremos recuperar esa tradición, pero tamén crear novos recordos para as xeracións que veñen. Porque o cine non é só ver unha película, é compartir emocións, risas e momentos que quedan para sempre na memoria”, afirmou Lorenzo.

O alcalde lembrou tamén que a sala permitirá seguir as novidades da carteleira no propio municipio. “Queremos que ir ao cine volva ser un plan habitual no Porriño, que as familias poidan vir xuntas e que a xente nova teña outra opción para pasar o seu tempo libre sen ter que desprazarse”, engadiu.

Trece películas inaugurarán a sala

A programación comezará a fin de semana do 5 e 6 de decembro con Superthings, Rondallas e O corno. Os días 12 e 13 proxectaranse Mascotas al rescate e La bola negra, mentres que o 19 e 20 de decembro será a quenda de Los guardianes del diente mágico e Kiro.

A última fin de semana do ano, o 26 e 27 de decembro, chegarán á pantalla Ratones al ataque: Operación Navidad e El ser querido. Xa en xaneiro, os días 2 e 3, poderán verse La oveja Shaun: Misión Calabaza e Leones en invierno. O ciclo rematará os días 9 e 10 de xaneiro coas proxeccións de El rey de reyes e El mal padre.

As sesións celebraranse os sábados e domingos ás 17:00 e ás 19:00 horas, con pases adicionais os sábados para algunhas películas, ás 21:30 ou ás 22:00 horas. Toda a programación deste ciclo inaugural será gratuíta.

“Parécenos unha boa maneira de abrir as portas do cine. Durante estas festas queremos que todo o mundo teña a oportunidade de coñecelo, que os nenos veñan cos seus pais ou cos seus avós e que os amigos queden para ver unha película. E que poidan facelo sen pagar entrada”, explicou o rexedor.

Estreas a 6 euros unha vez rematado o Nadal

A gratuidade das proxeccións será exclusiva do programa Cine de Nadal, que finalizará o 10 de xaneiro de 2027. A partir dese momento, o Cine Municipal continuará coa súa programación habitual, con entradas a 6 euros para as películas de estrea e unha oferta cinematográfica que incluirá tamén proxeccións gratuítas.

O Concello pretende que a sala manteña unha programación cinematográfica ao longo do ano e se consolide como un punto de encontro para nenos, mozos, familias e maiores. A súa posta en funcionamento ampliará as opcións de lecer no municipio e poderá contribuír tamén á actividade comercial e hostaleira da vila.

“Non queremos que o cine sexa unha actividade só do Nadal. Abrimos cun programa gratuíto para que a veciñanza coñeza a sala, pero a intención é que poidamos seguir gozando das estreas aquí, no Porriño, cunha entrada a un prezo accesible”, sinalou Alejandro Lorenzo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS