HomeNewsActualidadeA Xunta non pecha a porta a máis menores migrantes pero exixe...

A Xunta non pecha a porta a máis menores migrantes pero exixe diálogo, control fronteirizo e critica o recorte estatal de fondos

Tras acoller a 139 rapaces dende 2025, o Goberno galego reclama consenso ante a crise de Ceuta e cualifica de «totalmente insuficiente» a asignación de 740.000 euros aprobada polo Executivo central

A Xunta de Galicia mantense aberta a participar na acollida de menores migrantes non acompañados procedentes de zonas saturadas como Ceuta, aínda que exixe que calquera traslado se faga mediante o diálogo e o consenso institucional. Tal e como sinalou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, o Estado debe reforzar de forma contundente a política fronteiriza e evitar trasladar o custe ás comunidades autónomas, mentres que a conselleira de Política Social, Fabiola García, lamentou os acontecementos recentes e reclamou un control claro das fronteiras para que non se repita un acollemento masivo sen acordo previo.

Dende que se puxo en marcha o reparto estatal en 2025 para aliviar a presión en territorios como Canarias, Ceuta e Melilla, Galicia acolleu a 139 menores —ubicados na súa maioría no centro específico de Monforte e noutros recursos como o de Burela—, nun proceso que a Xunta levou aos tribunais ao considerar a repartición inicial de 317 prazas como «inxusta e imposta» por deixar fóra a Cataluña e o País Vasco. Ademais, o Goberno galego denunciou recentemente o recorte dun 82% nos fondos destinados a esta materia, tras aprobar o Executivo central unha asignación de 740.000 euros que, segundo Política Social, non cobre nin o 5% do custe real que supón para a comunidade atender a estes menores.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS