Un violento accidente rexistrado na tarde deste mércores na A-6 ao seu paso por Lugo saldouse coa morte dun home e unha muller. Tal e como informou o 112 Galicia, o sinistro tivo lugar arredor das 16:38 horas no punto quilométrico 493 cando a furgoneta na que viaxaban as vítimas —pertencente a unha empresa industrial e cargada con material inflamable e bombonas de gas— impactou por detrás contra unha camioneta de mantemento que sinalizaba unhas obras de conservación e pintado do firme.
A forte colisión desencadeou un incendio de grandes proporcións que carbonizou o vehículo e atrapou aos ocupantes, gravemente feridos tras o impacto. A pesar da rápida intervención dos servizos de emerxencia, que lograron excarcelar os corpos pasadas as seis da tarde, os sanitarios non puideron salvarlles a vida, mentres que o condutor da camioneta resultou ileso tras tentar axudar sen éxito. O suceso provocou retencións e obrigou a cortar totalmente a autovía en sentido A Coruña ata as 10 da mañán deste xoves, mentres a Garda Civil investiga as causas do suceso.

