HomeNewsActualidadeGalicia recibirá 11.770 millóns do Estado en 2027 nunha achega récord que...

Galicia recibirá 11.770 millóns do Estado en 2027 nunha achega récord que elevará os fondos totais da Xunta ata os 12.452 millóns

O Ministerio de Facenda trasladou ás comunidades un incremento do 7,9% nas entregas a conta, aos que se sumarán máis de 600 millóns pola liquidación de 2025

Galicia dispoñerá en 2027 dun total de 11.770 millóns de euros en concepto de entregas a conta do sistema de financiación autonómica, a cifra máis elevada da súa historia e un 7,9% superior á prevista para o exercició anterior. Tal e como comunicou este mércores o Ministerio de Facenda, a esta cantidade engadiranse uns 682 millóns correspondentes á liquidación de 2025, o que elevará os recursos totais que recibirá a Xunta ata os 12.452 millóns, un 7,2% máis que no período previo.

O incremento destas partidas, que actúan como anticipos da recaudación de impostos como o IRPF ou o IVE, permitirá ao Goberno autonómico contar con máis fondos para financiar servizos esenciais como a sanidade, a educación ou os servizos sociais, aínda que corresponderá ao Executivo galego decidir a súa distribución nos orzamentos. No conxunto do Estado, o aumento das entregas a conta sitúase nun 8,1% ata alcanzar os 170.529 millóns, mentres que o departamento dirixido por Arcadi España lembrou que a cifra podería incrementarse aínda máis en 2027 se saen adiante a reforma do modelo de financiación —que achegaría 587 millóns adicionais para Galicia— e a proposta de condonación de parte da débeda autonómica.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS