Galicia dispoñerá en 2027 dun total de 11.770 millóns de euros en concepto de entregas a conta do sistema de financiación autonómica, a cifra máis elevada da súa historia e un 7,9% superior á prevista para o exercició anterior. Tal e como comunicou este mércores o Ministerio de Facenda, a esta cantidade engadiranse uns 682 millóns correspondentes á liquidación de 2025, o que elevará os recursos totais que recibirá a Xunta ata os 12.452 millóns, un 7,2% máis que no período previo.
O incremento destas partidas, que actúan como anticipos da recaudación de impostos como o IRPF ou o IVE, permitirá ao Goberno autonómico contar con máis fondos para financiar servizos esenciais como a sanidade, a educación ou os servizos sociais, aínda que corresponderá ao Executivo galego decidir a súa distribución nos orzamentos. No conxunto do Estado, o aumento das entregas a conta sitúase nun 8,1% ata alcanzar os 170.529 millóns, mentres que o departamento dirixido por Arcadi España lembrou que a cifra podería incrementarse aínda máis en 2027 se saen adiante a reforma do modelo de financiación —que achegaría 587 millóns adicionais para Galicia— e a proposta de condonación de parte da débeda autonómica.

