O Tribunal Constitucional (TC) admitiu a trancando o recurso de inconstitucionalidade presentado pola Xunta contra varios preceptos do decreto lei 7/2026, aprobado polo Goberno central dentro do plan de resposta á crise en Oriente Medio. Tal e como informou o Executivo autonómico, a impugnación centra o seu rexeitamento na delimitación das zonas de aceleración de renovables (ZAR), deseñadas para axilizar a implantación de enerxías limpas pero cuxos criterios estatais deixan sen marxe de manobra a Galicia.
Segundo os cálculos do Goberno de Alfonso Rueda, os requisitos do Ministerio para a Transición Ecolóxica reducen a apenas un 0,16% do territorio galego —uns 47 quilómetros cadrados de superficie dispersa— a área dispoñible para estas zonas, sen responder ás necesidades industriais ou enerxéticas da comunidade. A Xunta argumenta que a norma vulnera o Estatuto de Autonomía en materia de ordenación do territorio, medio ambiente e enerxía, ademais de incumprir o presuposto habilitante de extraordinaria e urxente necesidade esixido para un decreto lei, mentres que sinala que os promotores tampouco ven neses espazos unha solución á parálise administrativa ao non contar cun interese especial fronte á tramitación ordinaria.

