O Concello de Salceda de Caselas vén de anunciar o inicio das obras de adaptación do acceso ao pavillón municipal de deportes. A zona de acceso, compartida polo pavillón municipal e o CEP Altamira, presenta na actualidade un estado deteriorado con deficiencias de accesibilidade, que se pretende subsanar con esta obra.
O obxectivo principal do cometido é eliminar os obstáculos existentes, creando un pavimento contínuo de formigón armado dende a entrada do CEP e do pavillón ata a rúa Rosalía de Castro. Ao tempo, contémplase a pavimentación con aglomerado da zona de aparcadoiro do pavillón, corrixindo as cotas existentes e evitando deste xeito a formación de charcos nos momentos de choiva, así como a recollida desas pluviais coa colocación de reixas.
O proxecto foi redactado polo enxeñeiro Martín Piñeiro Fernández e adxudicado a Eficihaus S.L.U. logo do correspondente proceso de licitación, segundo informou o Concello de Salceda.
Alex Rodríguez, alcalde en funcións, acompañado dos concelleiros e concelleira do goberno, as persoas representantes da empresa adxudicataria e o director de obra, visitaron o espazo para concretar os últimos detalles de inicio da obra. En palabras do alcalde en funcións “esta é unha obra pendente dende fai tempo, que hoxe por fin pode ser unha realidade. Este proxecto vai supoñer unha absoluta reforma da zona, priorizando a mellora accesibilidade para que calquera persoa poida acceder en igualdade de condicións aos espazos públicos”.

