O Concello do Porriño volve licitar o servizo para a xestión, control sanitario e aplicación do método C.E.S. (Captura, Esterilización e Solta) nas colonias felinas do municipio. O obxectivo prioritario desta actuación é garantir o benestar animal e supervisar de xeito ético as poboacións de felinos locais.
O orzamento base de licitación aprobado ascende exactamente a 23.837,00€ co IVE incluído para o primeiro ano de duración. O prego recolle a posibilidade de prorrogar o contrato de forma anual por dous anos máis, ascendendo o valor estimado total do servizo ata os 59.100,00€ sen IVE.
O Concello do Porriño con esta licitación non soamente está aplicando o método C.E.S. senón que da un paso máis cara ao benestar animal. E dicir, ademais de incluír a captura dos felinos para proceder a súa esterilización e posteriormente a súa devolución a colonia ou calquera outro punto determinado para a súa solta, inclúe tamén a atención veterinaria dos gatos e gatas que aparecen feridos ou enfermos. Pero isto non é todo, xa que este concello quere seguir mellorando polo que tamén inclúe a organización de talleres formativos anuais para concienciar e informar á poboación local. “Para controlar a estas colonias é importante a colaboración de todas e de todos por iso non me quero esquecer da gran labor que fan os voluntarios e voluntarias deste municipio”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacando a importancia de esta labor de concienciación e asimilación de boas prácticas.
Explica o Concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Porto, que na actualidade o concello ten un total de 286 pasaportes felinos, expedidos dende o ano 2024. Isto significa que o municipio xa ten identificados, rexistrados e censados un número importante de gatos a través deste documento oficial, o cal facilita o seguimento sanitario e o control das colonias sobre o terreo dentro do marco legal de benestar animal.
De feito, no municipio están identificados os emprazamentos das principais colonias, e alí colocaranse as casetas felinas que se realizaron durante o festival “O Porriño Animal Fest”. Os creadores Eva Casais, Emma Suárez, Anxo Facal, Xabela García Rionegro, Sheila Viqueira, Miriam Benítez, El Taller de la Musa e Bruno Vázquez xunto aos seus alumnos da Escola de Arte de Ponteareas plasmaron o seu talento sobre seis colectores que foron adaptados e transformados en casetas de refuxio para as colonias felinas do municipio.
Estas pezas artísticas non só embelecerán a vila, senón que garantirán un espazo digno e seguro para os gatos comunitarios. Colocaranse nas inmediacións do Centro de saúde, na rúa Ourense (xa colocado), na zona de caravanas de Leandro Diz (xa colocado) e no Multiusos de Torneiros.

