O acoso a través das redes sociais e aplicacións de mensaxería converteuse nunha forma de violencia de xénero tan grave ou máis que o maltrato físico. Así o alertaron diversos expertos nun curso de formación do Consello Xeral do Poder Xudicial celebrado esta semana na Coruña, onde sinalaron que os ataques telemáticos deixan ás vítimas sen espazos de protección nin liberdade.
Segundo o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, a rede facilita un control constante que resulta moi difícil de romper. “Non deixan zona de liberdade, de escapatoria ou de protección”, subliñou Picatoste, quen advertiu de que a pegada dixital é moi difícil de borrar, agravando o sufrimento das afectadas.
A “pandemia” do século XXI
A complexidade aumenta co uso de novas ferramentas como a intelixencia artificial, que permite suplantar a identidade ou crear imaxes non consentidas para hostigar. Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta, describiu este fenómeno como unha “pandemia” que traslada a dominación física ao ámbito dixital. Barba incidiu na necesidade de “analizar con rigor os desafíos xurídicos e técnicos” para combater prácticas como a sextorsión e a difusión de contido íntimo.
O problema ten unha dimensión oculta, xa que moitas destas condutas de coacción ou cibercontrol sofrense en soidade. “Muitas veces o entorno social da vítima non ten coñecemento de que esta situación se está producindo”, explicou Picatoste.
Dificultades na investigación
O encontro tamén serviu para poñer o foco nos retos probatorios que afronta a xustiza. Esther Erice, vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial, recoñeceu a dificultade para identificar aos autores dos ataques e encadrar estas novas formas delictivas na lei.
Pola súa banda, Francisco Pérez, da Axencia Española de Protección de Datos, fixo fincapé na seguridade da información das vítimas. Pérez lembrou que os datos persoais, como domicilios ou nomes, deben estar protexidos con especial rigor, xa que a súa exposición pode ser empregada por terceiros para incrementar a gravidade do delito. Ante esta situación, o experto aposta por unha maior coordinación entre institucións e a nivel internacional para garantir que os dereitos das mulleres no mundo analóxico se fagan efectivos tamén no entorno dixital.

