O Porriño prepárase para vivir unhas xornadas máis “comerciais e divertidas” oa chegada dos “Días Tolos“, que terán lugar os vindeiros días 19 e 20 de xuño. Esta iniciativa, promovida pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e o Centro Comercial Aberto MOREA, en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, busca dinamizar o comercio local e premiar a fidelidade dos clientes.
Durante estas dúas xornadas, os establecementos adheridos ofrecerán importantes descontos directos do 5%, 10% e ata o 20%. Ademais, por cada compra realizada, os clientes poderán solicitar o seu “sobre sorpresa“, que inclúe a posibilidade de obter agasallos e rebaixas directas no mesmo momento.
Sorteos para o Festival Petra Rosa
A campaña tamén premia a participación a través de internet. Aquelas persoas que fagan unha compra mínima de 5€ poderán rexistrar o seu tique de compra na páxina web oficial (www.ccamorea.es).
Ao facelo, entrarán automaticamente no sorteo de dúas entradas dobres para o Festival Petra Rosa, un dos eventos musicais máis agardados que contará coas actuacións de recoñecidos artistas como Antonio Orozco, Pablo López e Sergio Dalma. O sorteo realizarase o vindeiro 23 de xuño de 2026.

