HomeNewsActualidadeMáis de 180 escolares do Porriño desfrutan do deporte e o coidado...

Máis de 180 escolares do Porriño desfrutan do deporte e o coidado do mar en Patos

Un total de 185 alumnos e alumnas do Porriño veñen, un ano máis, de desfrutar dunha experiencia de surf na praia de Patos coa ‘Operación Ola’. Trátase dunha actividade impartida por monitores cualificados na que moitos destes rapaces e rapazas tiveron o seu primeiro contacto con este deporte e que lles serve, ademais, para aprender hábitos de vida saudables e outro tipo de valores como a concienciación ecolóxica ou o desenvolvemento persoal, xa que se trata dunha experiencia nova, emocionante e enriquecedora que favorece o seu crecemento físico e emocional.

A segunda das xornadas desta ‘Operación Ola’ desenvolveuse o luns coa participación de 46 alumnos do colexio Xosé Fernández López, 17 do CEIP Atios e 14 do CEIP da Ribeira. Con eles estivo o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destacou o éxito desta iniciativa que saca as aulas fóra dos centros tradicionais “con hábitos de vida saudables e aprendendo a traballar en equipo nun entorno único como é a nosa costa”. Neste senso, apuntou que ‘Operación Ola’ “non é só unha actividade de lecer, foi deseñada como unha oportunidade para que fagan comunidade, compartan experiencias con compañeiros doutros colexios e descubran o deporte como unha ferramenta de unión e superación persoal”.

“A finalidade deste programa é achegar aos mozos aos recursos naturais e deportivos, promovendo unha educación integral que combine aprendizaxe, benestar e contacto co medio ambiente”, sinala a concelleira de Educación do Concello do Porriño, Carolina González.

Na xornada do luns, os afortunados foron os alumnos e alumnas do CEIP Antonio Palacios, o CEIP da Cruz Budiño, o CPR Santo Tomás e Hnos. Quiroga. Así, para garantir o correcto funcionamento e a seguridade na praia, os participantes foron repartidos en diferentes quendas e grupos ao longo desta primeira quincena do mes.

Este programa do Concello do Porriño articúlase a través da Concellería de Educación e a OMIX, un programa de actividades deseñado para promocionar o deporte e a ocupación saudable do tempo libre entre a mocidade que demostrou, explican desde a OMIX, que serve tamén para potenciar o traballo en equipo, xerando un ambiente de compañeirismo, empatía e colaboración mutua.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS