O Concello de Salvaterra de Miño vén de sacar a licitación os 11 postos de venda e as 7 bancadas que quedan libres no seu Mercado Municipal de Abastos.
En concreto, os postos licitados son de pescadaría, carnicería, froitaría, charcutería, panadería, asados, conxelados e postos libres e os canons anuais van dende os 82,13 ata os 182,04 euros. Ademais, os canons das 7 bancadas van dende os 8,24 euros ata os 10,30 euros.
O obxectivo do goberno é facilitar a concesión dos postos a todas aquelas persoas que desexen invertir no mercado municipal. Así, ofrecen unha concesión de dominio público por 20 anos, prorrogables por un periodo máximo doutros cinco a prezos “moi asequibles”.
As propostas deberán ser entregadas por Rexistro de Licitacións en man en horario de 9 a 14 horas. Para máis información, pódese consultar a seguinte ligazón.

