A vila do Porriño prepárase para recibir unha das citas gastronómicas máis importantes do municipio no calendario primaveral: a Festa dos Cachos 2026, que é en realidade a festa do centolo, que se comerá este domingo a un prezo de sete euros na tradicional “carpa dos cachos”.
Organizada pola Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra, esta xornada promete converter a localidade “no epicentro do sabor mariñeiro”.
O evento terá lugar este domingo, 10 de maio, ofrecendo aos asistentes a oportunidade de degustar este este marisco en diferentes modalidades e prezos populares.
Programación e desgustación
A xornada estará dividida en dous espazos principais, por unha banda na propia carpa da festa e pola outra, nos restaurantes da localidade.
Así, a partir das 12:00 horas, abrirá a “Carpa dos Cachos” con venda directa ao público. A oferta gastronómica completarase coa presenza dunha pulpeira e unha rosquilleira, todo isto amenizado por animación de rúa para crear un ambiente festivo e familiar. Tamén haberá empanada. O prezo da degustación dos cachos na carpa será de 7 €.
Por outra banda, a partir das 13:00 h, a festa trasládase tamén á hostalería local. Os establecementos participantes, “Pinzas” (Rúa Leandro Diz) e “O Xantar de Pepa” (Rúa Pío XII), ofrecerán o servizo de cachos cun prezo de 8€.
Historia e tradición
A historia desta festa remóntase á resistencia porriñesa para evitar a entrada dos franceses na vila. Para conmemorar aquel momento histórico levantouse un cruceiro no Porriño e, ao redor del, foi crecendo un barrio que se converteu nun dos máis emblemáticos da vila.
Honrando ao Cristo dos Aflixidos comezou a celebración dunha festa en maio e aos elementos relixiosos fóronse sumando outras actividades de lecer, entre elas, a parte gastronómica coas centolas como protagonistas; un marisco que aquí chamamos “cachos” como se coñece desde entón ao barrio.

