Xoves, Maio 7, 2026
HomeNewsActualidadePonteareas estende a celebración do Corpus Christi con dous meses de intensa...

Ponteareas estende a celebración do Corpus Christi con dous meses de intensa axenda cultural e deportiva

O Concello presenta máis de 60 actividades para a súa festa máis internacional, que este ano reforza o apoio ao colectivo alfombrista e aposta por unha programación inclusiva

O Concello de Ponteareas deu a coñecer hoxe a programación para o Corpus Christi 2026, unha celebración que se estenderá desde o vindeiro 14 de maio ata o 5 de xullo. Cun abano de máis de 60 actividades, a “Vila do Corpus” busca reafirmar a súa identidade floral cunha proposta que combina cultura, música, deporte e tradición relixiosa.

Segundo informou o goberno local, o obxectivo é reflectir a dimensión dunha festa que é Ben de Interese Cultural e de Interese Turístico Internacional. O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, subliñou que se trata dun programa “moi traballado e inclusivo” que pon o foco no labor dos colectivos alfombristas.

Un arranque marcado pola música e o folclore

As actividades comezarán o 14 de maio cunha conferencia sobre a Eucaristía, á que seguirá o día 15 a apertura dos portais alfombreiros coa actuación de Lucía Pérez. Ata o 7 de xuño, estes espazos serán o escenario de máis dunha decena de grupos folclóricos de toda Galicia.

A axenda de maio complétase con citas como o concerto polo XXX aniversario da Banda Reveriano Soutullo (día 24) ou o certame Talento Xove para a mocidade. Durante todo o mes, unha exposición fotográfica percorrerá os comercios da vila.

O camiño cara ao día grande

A conta atrás definitiva iniciase o 31 de maio co pregón de Rafael Carracedo Crespo. A semana seguinte manterá un ritmo diario de obradoiros e exposicións ata chegar á tarde do 6 de xuño, momento no que centos de alfombreiros comezarán a confección dos tapices florais nas rúas.

O domingo 7 de xuño, día grande do Corpus, a xornada arrincará coa misa solemne e a tradicional procesión sobre as alfombras. A noite pecharase con fogos artificiais e as actuacións das orquestras América e Panorama City.

Homenaxes e deporte

O luns 8 de xuño dedicarase á memoria dos alfombreiros falecidos e á entrega de medallas da festa, con música das orquestras Os Satélites e París de Noia.

No apartado deportivo, o programa inclúe eventos como o Mini DH Urbano (17 de maio), a Clásica Álvaro Pino (24 de maio) ou o Open de tenis, que botará o peche definitivo o 5 de xullo.

Apoio ao colectivo alfombrista

Durante a presentación, a alcaldesa Nava Castro destacou a xenerosidade dos alfombreiros como pezas fundamentais da cultura local. A rexedora reiterou o compromiso do Concello para asinar un convenio de colaboración co colectivo e brindou axuda para facer realidade a petición de conseguir un local estable para a súa actividade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS