Xoves, Abril 30, 2026
HomeNewsActualidadeDesarticulado en Ponteareas un grupo criminal especializado en roubos en casas culturais...

Desarticulado en Ponteareas un grupo criminal especializado en roubos en casas culturais e bares

Axentes da área de Investigación do Posto Principal da Garda Civil de Ponteareas veñen de desarticular un grupo criminal responsable dunha onda de roubos con forza que afectou establecementos de hostalería e centros culturais da provincia de Pontevedra durante o ano 2025.

Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, a investigación, denominada operación Cantinas, comezou en xaneiro do pasado ano ao detectar diferentes roubos na que os autores empregaban a mesma técnica: fracturaban a parte inferior das portas de acceso por apalancamento e utilizaban recipientes do propio local, como cubos ou bolsas de lixo, para levarse a mercancía.

Para os investigadores chamou a atención a pauta repetitiva do grupo, xa que regresaba aos mesmos lugares uns meses despois do primeiro asalto.

Desta forma, destaca a casa cultural de Guláns, que foi asaltada dúas veces; un bar en Ponteareas, que sufriu tres roubos similares; a casa cultural de Arnoso e un bar na Caniza, que foron asaltados en dúas datas diferentes.

Os axentes conseguiron identificar aos sospeitosos tras varias pescudas e a colaboración cidadá, xa que os responsables dun centro cultural gravaron a tres individuos en actitude sospeitosa mentres vixiaban as cámaras e as máquinas recreativas o día anterior ao roubo.

Na maioría dos lugares levaron consigo a recadación das máquinas recreativas, a recadación dos locais, mercancía variada e, nun dos casos, unha caixa forte que cortaron cunha radial. Ademais, para realizar un roubo, roubaron unha furgoneta que foi recuperada horas despois.

Durante a investigación, os axentes recuperaron pezas de roupa, como un suadoiro negro cunha franxa azul, que os autores vestían durante os roubos e que foi intervida nun rexistro domiciliario.

Os catro integrantes do grupo foron identificados e, actualmente, tres deles están en prisión por outros delitos cometidos na zona de Vigo, mentres que a Garda Civil investiga ao cuarto integrante, un home de 31 anos, veciño de Vigo, que se negou a declarar en sede policial.

A investigación foi desenvolvida baixo a supervisión do Tribunal de Instancia Sección Civil e de Instrución número un de Ponteareas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS