Xoves, Abril 30, 2026
HomeNewsActualidadeDous anos e medio de prisión para a muller que queimou un...

Dous anos e medio de prisión para a muller que queimou un piso con persoas dentro en Ponteareas

A muller acusada de incendiar un piso en Ponteareas con xente dentro, en marzo de 2023, vén de aceptar dous anos e seis meses de prisión por un delito de incendio con perigo para a vida ou integridade física das persoas, concorrendo a eximente incompleta de alteración psíquica.

A Fiscalía solicitaba para a muller unha pena de 14 anos de prisión. Con todo, as partes chegaron a un acordo na Audiencia Provincial de Pontevedra. De tal xeito, á acusada, ademais dos dous anos e seis meses de prisión, impóñenlle a medida de seguridade de internamento psiquiátrico por tempo de dous anos e seis meses.

A maiores, a muller deberá indemnizar aos propietarios da vivenda polos danos causados na edificación e os prexuízos provocados como consecuencia dos feitos, que ascenden a máis de 6.000 euros.

O suceso

Os feitos ocorreron na madrugada do 25 de marzo de 2023, cando a acusada se dirixiu a un edificio de Ponteareas e, “con coñecemento de que había persoas no seu interior“, ao residir anteriormente nel e ter relación cos seus moradores, prendeu lume a uns sofás que se atopaban no recibidor da entrada.

Para iso queimou uns folletos comerciais de papel cos que prendeu o mobiliario. Ademais, desprazou un dos sofás á zona das escaleiras e ascensor para lograr unha maior propagación do incendio e entorpecer a saída. Colocou tamén dous carros de tamaño grande de supermercado na porta do garaxe para dificultar o desaloxo aos ocupantes do inmoble.

Nese momento atopábase no piso un dos moradores, que foi quen avisou os bombeiros. Estes extinguiron o incendio, que ademais das chamas producira unha alta concentración de monóxido de carbono.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS