O Concello de Mos celebrou esta semana a primeira reunión da comisión de seguimento de afectados da N-550, constituída no último pleno, na que participaron as asociacións veciñais Santa Baia, Chan do Bosque, Ledicia de Sanguiñeda e A Cividade, xunto cos tres grupos políticos da corporación municipal —PP, PSdeG-PSOE e BNG—, co obxectivo de “coordinar unha resposta conxunta ante a falta de avances por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible”.
A comisión acordou dar un “novo ultimato” ao Goberno e, como primeira medida, solicitar a celebración dunha reunión técnica nun prazo máximo dun mes, na que se deberá dar resposta ás demandas trasladadas polo Concello de Mos e pola veciñanza nos últimos anos. De non producirse avances, non se descarta a adopción de “novas medidas”.
Durante o encontro púxose de manifesto a perigosidade da N-550 ao seu paso por Mos, con especial incidencia en zonas como Amieirolongo, Mos e o cruce do Tablado, en Louredo, onde se concentran problemas de seguridade viaria e peonil derivados do elevado tráfico, da falta de infraestruturas axeitadas e da ausencia de actuacións executadas.
O informe técnico municipal evidencia unha situación prolongada no tempo, e recolle máis de 20 peticións formais trasladadas ao Ministerio nos últimos anos sen resposta efectiva, así como proxectos aprobados que continúan sen executarse, como o caso do cruce do Tablado, considerado un punto de alta sinistralidade.
Dende a comisión recalcan que, en ámbitos como Amieirolongo, na parroquia de Sanguiñeda, e a parroquia de Mos, a N-550 atravesa contornas urbanas consolidadas con presenza de vivendas, actividade comercial e tránsito peonil, sen contar coas condicións mínimas de seguridade e accesibilidade.
Tal feito foi o que motivou a solicitude para a declaración de travesía urbana da N-550 ao seu paso por Sanguiñeda, destacando a perigosidade do cruce dos peregrinos do Camiño de Santiago, urxindo medidas de seguridade urxente; e tamén na parroquia de Mos, co obxectivo de adaptar a vía á súa realidade urbana e reducir o risco para a veciñanza.
Outro punto importante do proxecto do trazado da nova Autovía A-52, que destrúe a pasarela peonil construída en 2023 e que crearía una nova barreira, avanzando cara as Angustias sen continuidade de paso para os peón, provocando un desvío de Peregrinos obrigado sen respecto polo BIC Camiño de Santiago.
A esta situación súmase tamén a problemática no acceso ao Parque Empresarial de Mos (PEMOS), onde o deterioro do vial de conexión coa N-550 debido ao intenso tráfico pesado evidencia a falta de mantemento nunha infraestrutura clave para a actividade económica do municipio.
Vía xudicial
Así mesmo, informouse á comisión da posta en marcha da vía xudicial mediante a presentación dun recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tralo requirimento previo aprobado en Xunta de Goberno Local o pasado mes de xaneiro, no que se concedía ao Ministerio un prazo dun mes para actuar ante a falta de mantemento, conservación e execución das actuacións necesarias nas vías da súa titularidade.
Nas súas demandadas ao Estado inclúense a rehabilitación do firme, a construción de rotondas en puntos de alta perigosidade, a mellora da seguridade peonil con pasos elevados e iluminación, a creación de beirarrúas en treitos con tránsito, así como a limpeza e mantemento de túneles, viais de servizo e elementos de protección como biondas e gardarraís. Tamén se demanda a adaptación da N-550 á súa realidade urbana na parroquia de Mos e en Sanguiñeda e a instalación de proteccións acústicas.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinala que “como alcaldesa, dar este paso é necesario ante o grao de perigosidade desta vía. Temos que ir todos xuntos fronte a esta cuestión para defender a seguridade da nosa veciñanza”.
Deste xeito, insiste en que “esta comisión nace co obxectivo de facer seguimento real das demandas e de incrementar a presión institucional para conseguir avances efectivos nunha infraestrutura clave para a seguridade e o desenvolvemento económico do municipio”.

