Venres, Abril 24, 2026
HomeNewsActualidadePremio no Porriño: A biblioteca municipal gaña os REBIUN 2026 polo proxecto...

Premio no Porriño: A biblioteca municipal gaña os REBIUN 2026 polo proxecto “Contos que curan”

A Biblioteca Municipal do Porriño vén de ser distinguida co “Premio REBIUN ás boas prácticas en biblioteca”, destinado a recoñecer o mellor proxecto de boas prácticas levado a cabo por bibliotecas españolas non universitarias, así como por organismos relacionados coas bibliotecas como colexios profesionais, asociacións e institucións bibliotecarias.

Na súa VIII convocatoria, no 2026 a Red de Bibliotecas Universitarias y Científicas
Españolas (REBIUN), concedeu este galardón único á Biblioteca do Porriño polo seu
proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”
, unha colección de boletíns
temáticos que teñen como obxectivo axudar a previr, identificar e xestionar distintos
problemas e trastornos mentais na infancia.

Precisamente, a comunicación do galardón coincidiu coa celebración dunha sesión de “Contos que Curan”, unha das actividades programadas con motivo do Día do Libro. Así é, o alcalde, Alejandro Lorenzo, participaba na xornada xunto ao alumnado de 2o de Primaria do CEIP Antonio Palacios.

O premio

Os proxectos e experiencias aptos para presentarse a este premio deben estar encamiñados á boa xestión das bibliotecas, ao favorecemento do acceso equitativo á información e a cultura, á mellora do acceso aos servizos bibliotecarios ou o uso innovador da tecnoloxía no contexto bibliotecario. Ademais, deben estar vinculados ao desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.

O xurado do premio destaca que este proxecto promove o acceso equitativo á información e á cultura, ao crear un recurso documental para informar e axudar á comunidade, cun forte compromiso social. Tamén, que consegue mellorar o acceso aos servizos bibliotecarios, porque baseándose nas funcións tradicionais das bibliotecas (busca, selección, clasificación e recomendación de lecturas), créase un novo servizo documental aberto, gratuíto e accesible en varias linguas e formatos, o que aumenta o número de usuarios potenciais en todo o mundo hispanofalante.

Contos que curan

A colección “Contos que curan” está composta por boletíns que se publican periodicamente. Cada número está centrado nun tema, sobre o que se ofrece un extenso repertorio de contos recomendados para xestionar o problema en cuestión. O persoal da biblioteca porriñesa busca, selecciona, clasifica e ofrece a información completa de cada conto, para que familias, colectivos educativos ou profesionais da saúde podan ter unha práctica guía de recursos coa que levar a cabo unha “terapia con libros”. Os destinatarios do proxecto son nenos e nenas de 3 a 12 anos, unha etapa fundamental para a prevención, detección e tratamento de problemas emocionais que poden condicionar a vida do menor

Ata a data, téñense publicado tres números desta colección (“Morte e loito”, “Acoso escolar” e recentemente, “Timidez e fobia social”) e tratará outras cuestións como a sexualidade, o sono e o medo á escuridade, a normalización da neurodiverxencia (autismo, dislexia, TDAH, síndrome de Down, etc.) e capacidades múltiples, a baixa autoestima, os malos tratos, etc.

Os boletíns son publicados en formato físico e distribuídos gratuitamente a persoas e institucións que podan estar interesados para usar estas seleccións de lectura co obxectivo de realizar unha mediación lectora e terapéutica máis eficaz. Ademais, son publicados en formato dixital, en galego e castelán, e colgados na páxina web da biblioteca para a súa descarga libre e gratuíta.

O Premio REBIUN, dotado con 3.000 euros e diploma acreditativo, será entregado na próxima Conferencia Anual de REBIUN, que se celebrará no paraninfo da Universidade
de Albacete o vindeiro 27 de maio.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS